Orozco autodescártase para concorrer nas listas do PSOE porque quere 'seguir sendo alcalde de Lugo'

O alcalde de Lugo, José López Orozco, autodescartouse este luns para concorrer nas listas do PSOE para as eleccións xerais do próximo 20 de novembro porque quere 'seguir' no seu cargo como rexedor. 'Antes de que saia nada', advertiu.
'O meu traballo é ser alcalde de Lugo e por nada do mundo quero outro tipo de traballo político. Quero seguir sendo alcalde de Lugo', insistiu, para ratificar que o Goberno que encabeza traballará 'para que todo o mundo teña facilidades para que poida votar e vote libremente'.

A maiores, en declaracións aos medios tras inaugurar o curso das escolas infantís municipais, o rexedor lucense lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ignore 'o esforzo económico' que debe facer o concello.

'Gustaríanos unha maior colaboración da Xunta', expresou, para confiar en que 'ao final, o corazón do presidente se decate do esforzo que están a facer os veciños de Lugo e que trate a Lugo como a outras moitas cidades de Galicia'.

Outro aspecto ao que se referiu foron as queixas dos hostaleiros da cidade sobre a 'deficiente' sinalización para chegar á cidade. 'É verdade que a xente coñece onde está Lugo, pero non está mal que figure nos carteis por que se fai máis visible', concluíu.

Te puede interesar