SANIDADE

Piden ante o Parlamento a dimisión de Mosquera polo estado do hospital "privado" de Vigo

mosquera
photo_camera A conselleira de Sanidade Rocío Mosquera, nunha foto de arquivo. (EFE)

Cánticos de "quen recorta e privatiza ten as contas en Suiza" mesturábanse con proclamas pedindo a marcha de Mosquera

Medio millar de persoas deuse cita este martes, coincidindo coa primeira xornada da sesión plenaria desta semana, para protestar ante o Parlamento polo estado do hospital "privado" de Vigo e esixir a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

Cánticos de 'quen recorta e privatiza ten as contas en Suiza mesturábanse con proclamas pedindo a marcha de Mosquera por parte dos manifestantes, que portaban pancartas baixo a intensa chuvia aludindo á presenza de ratos no Hospital Álvaro Cunqueiro e rexeitando a privatización do centro.

En declaracións aos medios, o presidente da xunta de persoal do centro sanitario, Anxo Cameselle (CC.OO.), enumerou as deficiencias do hospital vigués: "recortan o persoal, chove todos os días, as paredes caen... ". "Unha xestión nefasta", resumiu, non sen recordar que os pacientes, "ata fai poucos días, non tiñan dereito nin á auga".

A todo iso sumou o prezo do "parking privado", que obriga aqueles pacientes que deben acudir practicamente "a diario" -- para ir a diálise ou a recibir tratamento oncológico-- a "deixarse unha parte importante do salario, os que o teñen" no aparcamento.

Así as cousas, considerou xustificada a petición de dimisión de Mosquera e do xerente, Félix Rubial. "Son responsables do que está a pasar en Vigo", sentenciou, e desexou que algún día haxa en Galicia "un goberno digno" que "reverta a situación" deste centro e os seus "servizos privatizados".

FOLGA DE 24 HORAS

Sen deixar de reclamar "un hospital 100% público", avanzou que o próximo día 21 se redactará un manifesto coas peticións dos traballadores e que, un día despois, o 22, haberá unha asemblea para decidir futuras accións. "Non descartamos unha folga de 24 horas", ameazou Cameselle.

A liña seguida, Carlos Varela, do sindicato independente CSIF, tamén fixo fincapé en carencias na atención aos pacientes e o prezo do parking.

Ao fío diso, recordou a "masiva manifestación" contra a privatización do hospital que se produciu en Vigo e lamentou que "parece" que na Xunta aínda "non se deron conta" de que "ninguén foi enganado". "Xa pasaron 60.000 persoas por consultas e decatáronse do que significa este modelo", subliñou.

Ademais, requiriu a conselleira que aproveite a súa comparecencia ante o pleno da Cámara para "aclarar" cuestións relativas á construción do hospital e ao "papel" da oficina técnica. Referiuse así á cesión do control por parte da empresa pública Galaria a unha empresa en mans da exviceconsejera de Asistencia Sanitaria de Madrid con gobernos do PP.

"A SEGURIDADE DO PACIENTE"

Finalmente, María Calviño, delegada do sindicato de enfermaría Satse, expresou a súa "preocupación""pola "seguridade e a saúde dos pacientes", pois o Álvaro Cunqueiro "non está aséptico". "Hai restos de pisadas, de lixo,...", describiu.

Tamén referiu "problemas coa alimentación", malia que esta "forma parte da curación" dos enfermos, e deu conta de que as "larguísimas colas" para as citas fan aumentar o prezo que os pacientes teñen que pagar polo aparcamento.

Sobre este último extremo, Calviño admitiu que "é un mal menor", pois, reafirmouse, "o máis importante é a seguridade e a saúde dos pacientes".
 

Te puede interesar