DEBATE EN BRAGA

Portugal é unha fiestra que dá ao 20 de decembro

TSF1_result
photo_camera O grupo de mozos portugueses e galegos no debate celebrado en Braga.

O país luso é un dos mellores analistas de nós mesmos. Esa pode ser unha conclusión do debate radiofónico organizado pola Universidad de Minho sobre as eleccións xerais en España

Braga é a maqueta a escala que Portugal se fabricou de Compostela: cidade de pedra, de fe, onde máis chove no país. Unha lectora de galego na Universidade do Minho, onde a emisora de radio TSF e a Fundación do Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal celebrou antronte un debate sobre as eleccións xerais, coa presenza de tres estudantes galegos e tres lusos, comentou: "Os portugueses están moi pendentes de nós". Aínda que os telexornais da TVI abrían cunha única noticia, a entrevista ao exprimeiro ministro José Sócrates tras pasar seis meses na cadea.

Portugal ten unha pregunta que España aínda non pode respostar: Pode ter unha réplica a situación de Passos Coelho, gañador por minoría pero incapaz de formar goberno? Sen dúbida, estas poden ser alcumadas como as eleccións do posibilismo. Nada máis, pero nada menos.

A xornalista da TSF, Joana de Sousa, deixou para os seis rapaces, estudantes e graduados en Relacións Internacionais, Ciencias Políticas, Xornalismo e Economía; preguntas sobre os partidos emerxentes, o posible escenario de pactos, o independentismo en Cataluña e a loita global contra o terrorismo.

Tiña razón a lectora de galego, os universitarios lusos dominan o argot electoral, coñecen o barómetro do CIS e as portas xiratorias. Extrapolan a aparición de Podemos coa forza coa que o seu Bloco de Esquerda entrou no sistema. Ollan con curiosidade a Ciudadanos e albiscan, como aquí, dúas fracturas que van condicionar o taboleiro político español. A do bipartidismo, con especial énfase no ataque ao espazo natural do PSOE. E a fenda xeracional, que nestes momentos debuxa un apoio abrumador dos maiores aos partidos tradicionais e o poder de seducción que os novos líderes teñen sobre a mocidade.

Os galegos Ivan Olmos, presidente do Clube de Debate Compostela, e Adrián Dios, economista e investigador na Universidade de Santiago, afondaron no poder que o discurso radicalizador está a ter non só en España, senón tamén en toda Europa, e o abandono que os partidos tradicionais están a facer sobre o caladeiro de votos do centro.

Rematado o encontro, Portugal e España seguían a ser dous países fronte ao televisor.

Te puede interesar