GALICIA

El PP frea o nomeamento de Besteiro ao discrepar coa súa proposta para Contas

beste
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro

Os socialistas pediron que as novas incorporacións fosen persoas sen "significación política" e este extremo foi pactado

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non será designado polo momento senador en representación da comunidade autónoma. O PPdeG rexistrou xa a solicitude de aprazamento do pleno no que, o luns da semana próxima, se ía aprobar o seu nomeamento para que ocupase o escano que lle deixou a exalcaldesa socialista de Silleda Paula Fernández Pena.

O motivo, as discrepancias entre ambas as dúas formacións no relativo á cobertura das vacantes no Consello de Contas. Segundo explicaron fontes populares, os socialistas pediron que as novas incorporacións fosen persoas sen "significación política" e este extremo foi pactado, de modo que agora non aceptan a súa proposta de incluír a Xoaquín Fernández Leiceaga, voceiro parlamentario do PSdeG entre marzo de 2009 e decembro de 2010, baixo o mandato de Pachi Vázquez.

E, dado que interpretan que o acordo coa principal forza da oposición abranguía a renovación de todos os órganos institucionais, materializaron a petición de aprazar tanto o pleno de designación de Besteiro como a elección de tres postos de Contas. A solicitude vía rexistro do Parlamento está asinada por toda a cúpula popular con asento no Pazo do Hórreo: Feijóo, Alfonso Rueda, Pedro Puy, Pilar Rojo, Miguel Tellado...

Ante esta decisión, a visión dos socialistas difire. Primeiro, porque alegan que unha das opcións presentadas polo PPdeG para o órgano fiscalizador adoece de perfil político na mesma medida que Leiceaga, pois José Antonio Redondo dirixiu o Instituto Galego da Vivenda e Solo con Xosé Cuiña como conselleiro de Política Territorial. E dous exconselleiros de Manuel Fraga, Dositeo Rodríguez e Xesús Palmou, foron enviados a Contas por vontade dos populares.

Segundo, porque rexeitan que un desacordo nun nomeamento implique paralizar o envío de Gómez Besteiro á Cámara alta, dado que se trata dunha praza vacante que, baseándose nos resultados electorais, corresponde cubrir o PSdeG. Polo tanto, considérano un ataque ao seu xefe de filas e unha "hipocrisía" do grupo maioritario no Parlamento autonómico.

CANDIDATOS

As propostas do PPdeG para o Consello de Contas son José Antonio Redondo, doutor e catedrático de Ciencias Económicas e Empresariais, e Ana María Otero López, licenciada en Dereito, inspectora de Facenda e membro do Consello Consultivo.

Leiceaga, a opción do PSdeG, é doutor en Ciencias Económicas e profesor titular do departamento de Economía aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

PP: "NON HAI BLOQUEO" A BESTEIRO

Tras rexistrar a petición de aprazamento, o Grupo Popular emitiu un comunicado no que defende que "non existe bloqueo ningún" a Besteiro, senón que liga este paso ao "incumprimento" do PSdeG do acordo de propoñer para ocupar a vacante de Contas a "unha persoa sen vinculación directa con formacións políticas".

O PPdeG recorda que o acordo de non designar para este órgano a persoas ligadas a formacións políticas foi anunciado polo seu voceiro na Cámara, Pedro Puy, tras a Xunta de Portavoces do martes, "sen que desmentise por parte dos responsables socialistas" e despois de que o voceiro do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, "criticase en repetidas ocasións" a presenza de políticos en Contas.

Aínda que "respecta e respectará sempre" a quen o PSdeG designe como senador por representación autonómica, o PPdeG vai "significativo" que sexa "agora", unha vez conformadas as novas corporacións municipais, cando a formación "se acorde de abordar" a renovación das vacantes en Contas e o Valedor do Pobo.

"Máxime", esgrimiron os populares, cando Feijóo trasladou a Besteiro en novembro esta cuestión, demanda que "foi reiterada" en posteriores ocasións tanto a través do presidente coma por Puy, pero que "non tivo resposta ningunha dende do PSdeG ata o pasado luns".

"VETO SEN PRECEDENTES DE FEIJÓO"

Ante esta situación, o PSdeG emitiu un comunicado no que censura a "lamentable actitude" do presidente da Xunta e do PPdeG, a quen acusou de "vetar persoalmente" o nomeamento de Besteiro "nun acto sen precedentes na historia" da Cámara galega. Ao seu xuízo, a decisión "rompe as regras democráticas" e "só pode entenderse dende unha actitude de pataleta política de Feijóo contra o líder dos socialistas galegos".

De seguido, desvinculou a praza no Senado "das negociacións paralelas" para a renovación do Consello de Contas, o Valedor do Pobo e o consello de administración de CRTVG. "Calquera intento de vincular ambas as dúas cousas é unha perversión do sistema democrático", advertiu.

Finalmente, esgrimiu "a sobrada formación, capacidade e valía" de Leiceaga para manter "a esperanza" de que "o PP e o seu líder recapaciten". Trátase, explicou, de "canalizar unha situación que non fai senón entorpecer o correcto funcionamento das institucións".

Te puede interesar