PP rexeita proposta que reclamaba un novo modelo para reparto cotas cerco

O PPdeG opúxose hoxe no Parlamento de Galicia a unha iniciativa do PSdeG que reclamaba que a Cámara se pronunciase contra o reparto de xarda e xurelo entre a frota do norte este ano.

Esta proposta tamén demandaba da Xunta que defendese ante o Goberno un novo modelo para os próximos anos que tivese en conta como criterio o número de tripulantes por embarcación.

A proposta reclamaba igualmente un rexeitamento do modelo de topes de capturas e cotas da UE baseadas no principio de estabilidade relativa, así como unha revisión do pagamento de sancións por sobrepesca con excedente de cota doutras especies.

Durante o debate desta iniciativa no pleno da Cámara, o deputado de AGE Juan Fajardo saíu en defensa dos seis detidos onte pola súa presunta participación en altercados o pasado 11 de marzo ante as portas do Parlamento autonómico, ao entender que se limitaron a expresar a súa solidariedade cos mariñeiros do cerco.

Fajardo apuntou que o "estado policial represor en que vivimos" levou á detención de seis mozos por supostamente participar en altercados durante o conflito do cerco, o que cualificou de "tremendamente grave" e considerou que se está "criminalizando a protesta, a indignación e perseguindo determinadas posicións políticas".

Os mozos, dixo, "foron detidos nas súas casas, pola noite" como se facía no franquismo, apuntou, polo que dixo que ao Goberno non lle abonda con "atacar a democracia, senón que quere sementar o virus do medo" porque "nos queren servos, vasalos, cordeiriños sen capacidade de mobilización", e expresou a súa solidariedade cos apresados.

Á marxe desta polémica, en defensa da súa iniciativa, o deputado socialista José Ramón Val insistiu en que o Goberno galego "non quere molestar a Madrid", motivo polo que aceptou un reparto de cotas que, na súa opinión, prexudica a frota galega en detrimento doutras do norte.

Para Val, o Goberno galego "non actuou con dilixencia", e negoulle "peso político" ao Executivo autonómico de Alberto Núñez Feijóo por non ser "capaz de liderar" un cambio de modelo.

Ademais, Val preguntou, con respecto a que os criterios de reparto priman os dereitos históricos da frota, que pasaría se se aplicase esta mesma prioridade ao soldo dos deputados, tendo en conta que uns cobrarían moito e os máis novos nada, apuntou.

O deputado do PPdeG José Manuel Balseiro insistiu en que todo acordo é mellorable, pero coa proposta de Val, opinou, "non mellorariamos nada; empeorariamos moitísimo" porque, "pódenos gustar máis ou menos", pero o reparto supuxo un incremento de toneladas dun 136% máis grazas a un acordo negociado con Noruega.

Igualmente, Balseiro insistiu en que Galicia dispón do 43,2% da cota de xurelo do Cantábrico e "o mellor argumento de todos é que os profesionais están pescando no mar e facendo a campaña" deste ano.

Mentres, o deputado de AGE Daniel Rodas considerou "ridícula" a cota obtida pola frota galega e indicou que o PP e a titular de Pesca, Rosa Quintana, avogan por un modelo que tende a reducir barcos e terá un custo social "altísimo".

Te puede interesar