O PPdeG critica a Pachi Vázquez porque foi a Europa a 'recoller os froitos do que o sector estivo a sementar'

O voceiro de pesca do Grupo Parlamentario do PPdeG, José Manuel Balseiro, criticou o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, porque, ao seu xuízo, foi a Estrasburgo como 'a cigarra que vai recoller os froitos do que todo un exército de formigas, o sector pesqueiro, estivo a sementar ao longo dos últimos tres anos e medio en Europa'.
A este respecto, o popular censurou que os socialistas acudisen a Europa 'a interesarse por uns temas polos que o goberno do Partido Popular e a Xunta levou a dianteira dende o primeiro momento'.

Así, en relación co acordo pesqueiro con Mauritania, Balseiro opinou que os integrantes do Partido Socialista 'volven chegar cun mes de atraso'.

'Pero é un comportamento típico do PSOE', advertiu, antes de indicar que 'non deberían esquecer que dende o primeiro minuto a Consellería de Medio Rural e do Mar xa lle pediu ao Ministerio de Agricultura a anulación do actual acordo', que exclúe os barcos con tripulación galega que capturaban polbo naquel caladero.

'Foi o PSOE, cando gobernaba en España, quen lle deu o visto bo aos acordos das cinco primeiras roldas negociadoras, onde se pecharon os principais termos deste acordo que hoxe lamentamos', subliña o membro do Partido Popular.

A maiores, sobre o tratamento diferenciado para as mariscadoras -que celebrou o candidato socialista á Xunta-, José Manuel Balseiro resalta que 'posiblemente o señor Vázquez non saiba que non é a primeira vez que o marisqueo recibiu fondos europeos'. Neste sentido, apunta a proxectos colectivos con confrarías e outras entidades que percibiron, segundo asegura, achegas comunitarias.

Te puede interesar