Os príncipes inauguran os dous primeiros edificios da Cidade da Cultura

Los príncipes de Asturias, junto a Peter Eisenman (izqda), el general jefe de la fuerza logística operativa, Juan Aparicio, Roberto Varela, Pilar Rojo, Alberto Núñez Feijóo, Ángeles González-Sinde, Antón Louro y Sánchez Bugallo
Os príncipes de Asturias presidiron na mañá de hoxe os actos de inauguración dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura de Galicia: a Biblioteca e o Arquivo, que se sitúa no monte Gaiás, en Santiago de Compostela.
No seu discurso, don Felipe destacou que estes dous edificios 'se abren á educación, á investigación e ao estudo, cunha clara atención á igualdade de oportunidades'.

Da mesma forma, asegurou que estas instalacións 'reforzarán a vocación europeísta' de Galicia, e felicitou o arquitecto Peter Einsenman 'pola paisaxe arquitectónica serena, estimulante e renovadora que logrou concibir' con este proxecto.

Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou a beleza e monumentalidade da Cidade da Cultura e comparouna con outros proxectos arquitectónicos de prestixio internacional, como a Ópera de Sydney ou o Museo de Arte Moderna de Nova York.

'Desde hoxe haberá unha nova parada obrigada nos itinerarios culturais do mundo', asegurou o máximo mandatario galego, e agregou que a Cidade da Cultura será desde hoxe 'un centro de peregrinación cultural'.

Ademais de don Felipe e dona Letizia, ao acto celebrado hoxe asistiu o Goberno galego completo, co seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, á cabeza, así como a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde; os ex-presidentes da Xunta Manuel Fraga e Gerardo Fernández Albor; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; o delegado do Goberno, Antón Louro; e o arquitecto Peter Einsenman, así como numerosas autoridades da vida política e cultural.

Unha vez inaugurada a parte xa finalizada deste proxecto museístico, quedará aberta ao público de 8 a 20 horas todos os días da semana a partir de mañá, mércores 12 de xaneiro.

As instalacións da Cidade da Cultura foron inauguradas sen estaren concluídas totalmente, xa que dos seis edificios ideados inicialmente quedan aínda por abrir catro: o Museo de Galicia, o Centro de Arte Internacional, o Centro da Música e as Artes Escénicas, e o edificio de Servizos Centrais.

A Biblioteca e o Arquivo de Galicia que a partir de mañá quedarán abertos ao público ocupan 24% da superficie total das seis instalacións proxectadas.

Mentres a Biblioteca acollerá o patrimonio bibliográfico de Galicia, o Arquivo estará destinado a albergar e xestionar o patrimonio documental, ben histórico ou administrativo.

Deseñada polo arquitecto estadounidense Peter Einsenman, a Cidade da Cultura é un proxecto museístico de grandes proporcións, que xurdiu hai unha década sendo Manuel Fraga presidente do Goberno galego.

Desde o seu nacemento, o proxecto xerou múltiples polémicas entre formacións políticas e distintas opinións por parte da sociedade, debido ás grandes cantidades de diñeiro dos orzamentos públicos que xa consumiu e tamén controversia canto ao contido dos edificios.

Mentres tanto, a Consellería de Cultura da Xunta xa avanzou parte da programación que acollerá a Cidade da Cultura durante 2011.

Desde o sábado 15 de xaneiro até o sábado 25 de xuño a literatura mesturarase con montaxes teatrais, espectáculos musicais ou producións cinematográficas.

O ciclo 'Galicia, ceo das letras' abrirá no vindeiro sábado as actividades dedicadas a homenaxear grandes figuras da literatura galega e universal, que se intercalarán con representacións artísticas.

Entre outras persoas, neste ciclo participarán María Kodama, viúva de Jorge Luis Borges; a cantante Dulce Pontes; o actual Premio Nacional de Teatro José Luis Gómez, ou a compañía teatral Casa Hamlet.

Te puede interesar