O PSdeG critica que a 'nova Sogama' é 'a repetición dun modelo fracasado' e denuncia a súa adxudicación 'a dedo'

Os socialistas apostan pola redución en orixe e a reciclaxe dos residuos 'fronte á incineración e o vertedoiro'
A secretaria de Medio do PSdeG, Carmen Gallego, criticou este luns o proxecto de construción dunha nova planta de residuos no Sur de Galicia e asegurou que 'é a repetición do modelo fracasado de Sogama, que aposta pola incineración e o vertedoiro'.

Así o manifestou o PSOE nunha nota de prensa despois de que este luns o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciase que a nova planta de tratamento de residuos da zona Sur de Galicia estará situada no concello de O Irixo (Ourense).

Gallego denunciou, ademais, a 'irregularidade' que, segundo dixo, supón a adxudicación 'a dedo' á empresa Estela Eólico -beneficiaria do concurso eólico- e non a través dun concurso 'no que varias empresas compitan en igualdade de condicións'.

'É unha trastada adxudicar esta planta a dedo, saltándose procesos administrativos e privatizando a xestión de residuos de Galicia', destacou a deputada socialista.

Ademais, a secretaria de Medio do PSdeG lamentou que 'se'cumpra o prognóstico dos socialistas galegos' de que o Goberno galego confirmaría despois das eleccións do 20 de novembro a situación da nova planta 'para evitar un custo electoral'. 'Isto demostra a súa intención de ocultalo deliberadamente de xeito partidista', reprochou.

MODELO FRACASADO

Carmen Gallego insistiu en que esta segunda incineradora 'é a repetición do modelo fracasado de Sogama' e recordou que dende os anos 90, os gobernos do PP 'optaron por un modelo de xestión de residuos baseado na incineración e nos vertedoiros'.

Como alternativa, a socialista aposta pola redución en orixe, a reciclaxe e a reutilización como 'mellor opción' para o tratamento dos residuos. 'Todas a recomendacións van por esa liña, mentres que a incineración e o vertedoiro son as dúas últimas opcións na xerarquía normativa comunitaria en materia de residuos', subliñou.

Neste sentido, Gallego comunicou que os socialistas presentarán diversas iniciativas no Parlamento autonómico e nos concellos da bisbarra 'para trasladar á cidadanía a realidade dos que supón esta planta de residuos disfrazada de postos de traballo'.

Así, a deputada do PSdeG recordou que esta incineradora 'recibirá todos os residuos do Sur de Galicia, que serán queimados e almacenado nos vertedoiros do concello de Irixo, co conseguinte impacto ambiental na zona'.

Te puede interesar