VIGO

O PSOE de Vigo rexeitar crear a comisión de investigación sobre os procesos xudiciais no Concello

Tamén tumba dúas mocións do PP para realizar auditorías das concesionarias e "garantir unha rede axeitada" de buses ao hospital

O pleno municipal do Concello de Vigo rexeitou a moción da Marea de Vigo, que contou co único apoio do Partido Popular, pola que solicitaba a constitución dunha comisión especial de investigación sobre os procesos xudiciais abertos que teñen relación con concellarías e departamentos da casa do concello.

Así, o grupo municipal do Partido Socialista fixo valer no pleno deste luns a súa maioría absoluta para rexeitar con 17 votos contra a proposta, que si contou cos votos a favor da Marea (3) e do PP (10), e ningunha abstención.

O voceiro da Marea, Rubén Pérez, indicou que a petición responde á "situación de escurantismo" tras as investigacións iniciadas por xulgados de Vigo "sobre presuntos delitos de contratación ilícita que significaron que a Udyco realizase rexistros en dependencias municipais e incautase unha grande cantidade de documentación sobre contratos con empresas de servizos".

Neste sentido, recalcou que, "a día de hoxe, o pleno descoñece qué documentación foi requisada, de qué departamentos, qué información contiña e cáles son as bases da imputación dun concelleiro desta Corporación", e por iso solicitou esta comisión co fin de traballar colectivamente "con toda normalidade" e "sen afán culpabilizador".

Pérez, que criticou que se utilice o caso de Rivas-Vaciamadrid como "mantra" ante esta petición, recordou que no concello madrileño se abriu unha comisión de investigación con todos os grupos municipais, na que "se"puido votar, coñecer os expedientes investigados e as causas das imputacións".

HIXIENE DEMOCRÁTICA

Pola súa banda, o popular Diego Gago fixo fincapé en que o PP solicitou previamente, aínda que "sen ningún resultado", que se desen "estas explicacións" nun pleno extraordinario. "A postura do PP é a mesma: imos velar pola transparencia e honradez ante calquera feito sospeitoso", defendeu, se ben engadiu que para que haxa unha "imaxe de hixiene democrática hai que dar explicacións".

"Non se pode esconder que algo raro pasa cando se solicitan e incautan decenas de caixas, expedientes", evidenciou, antes de recalcar que a petición non ten "interese en danar á institución nin a persoas en particular" nin ten o fin de "axuizar nin dar rédito político". "Só buscamos as oportunas explicacións", apostilou.

Nesta liña, criticou que non houberan explicacións do Goberno local "nin por 'motu proprio' nin ao pedirllas", e volveu demandar que o PSOE "saia do mutismo e diga o que pensa" e "aclare dúas preguntas que non respondeu: qué documentación e información solicitouse e qué medidas tomou para clarificar a situación".

PAPEL DE XUÍZ

O edil do Partido Socialista Carlos López Font, que defendeu que o concello facilitou "toda a súa colaboración coa Xustiza" no marco da 'Operación Patos', manifestou que é unha "hipocrisía política" facer esta petición e argumentar que non se busca axuizar.

"Non se pode vir aquí a querer substituír a un xulgado, o que vostede pretende é colocarse co papel de xuíz", recalcou, o que cualificou como "inquisitorial" e como unha acción para "prexudicar a terceiros e abusar de dereito". Por iso, o grupo socialista pediu "respecto" a unha causa "baixo segredo de sumario" e votou en contra da proposta.

Na súa quenda final de intervención, Rubén Pérez respondeu a estas cuestións reiterando que non se está "culpabilizando ou criminalizando" a ninguén e que, se ben pode haber secreto sobre as actuacións, o que piden é unha comisión non que "ditamine culpabilidades" senón que achegue datos do proceso xudicial sobre uns convenios "públicos".

As comisións municipais "figuran no regulamento, ten que estar na política", remarcou. A liña seguida, Pérez recordou que o PSOE pediu unha comisión de investigación ante o Parlamento galego sobre o accidente de Angrois.

AUDITORÍAS A CONTRATAS

Noutra orde de asuntos, o pleno municipal tamén rexeitou, cos únicos votos a favor dos populares, a proposta presentada polo Partido Popular para que o Goberno local realice "auditorías de todas as concesionarias municipais, priorizar as de Aqualia e Vitrasa", co fin de controlar os contratos e o seu cumprimento.

O Partido Socialista posicionouse en contra desta moción argumentando que só "intentan confundir á opinión pública" e que o concello de Vigo é "o máis transparente e claro de toda España".

Pola súa banda, na Marea aseguraron estar "sorprendido" porque o PP formule estas cuestións cando en localidades onde gobernan dan 'barra libre' ás concesionarias privadas. Ademais, aínda que dixeron estar "de acordo co control das contratas", pediron que se especifique como se vai facer e quen vai formar parte, polo que decidiron absterse.

TRANSPORTE AO NOVO HOSPITAL

Outro punto debatido en pleno foi unha moción dos populares pola que pedían unha rede de transporte público que garantise o acceso de todos os vigueses ao Hospital Álvaro Cunqueiro, e que tamén foi rexeitada cos votos a favor do PP (7), en contra do PSOE (17) e a abstención da Marea (3).

O PP xustificou que esta proposta responde á "escasa dotación de liñas de autobús e a nula coordinación destas" cara ao novo hospital, que, dixo, tamén sufriu por parte do grupo socialista un "boicot constante" e unha "alarma social inxustificada e falsa predicindo mortes".

A Marea tamén considerou que é "lamentable que aínda non se saiban as liñas que vai haber nin con qué frecuencias", pero considerou que a alarma social non é "nin falsa nin inxustificada", e, de feito, na súa opinión, tampouco houbo "tanta alarma" pois o caso é "suficientemente grave para creala de verdade e o concello se tería que mollar moito máis".

Os socialistas, que sobre isto último defenderon que mantiveron reunións con sindicatos e profesionais e secundaron a convocatoria á manifestación do 3 de setembro, indicaron que recibiron "felicitacións pola lanzadeira" que puxeron en marcha ata que arranque o transporte definitivo, que anunciarán cando estimen "oportuno".

A pesar de todo iso, se mostraron abertos a aprobar a moción a condición de que o PP apoiase unha emenda 'in voce' por a que se instase ao Goberno da Xunta a facer gratuíto "o estacionamento privado do hospital privado" para que usuarios e profesionais o usasen sen ningún custo", proposta que finalmente non prosperou.

Te puede interesar