A Real Banda fusiona a súa música coa do chinés Xiao Ping

Unha performance entre a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e o famoso músico chinés Xiao Ping Zhao, experto en música chinesa e virtuoso do èrhú, instrumento milenario e tradicional chinés, foi o principal evento artístico de onte no pavillón de España na Expo de Shanghai, que reuniu un multitudinario público que se entregou á fusión que propuxo Xosé Lois Foxo, director da Real Banda, no programa da xira da formación ourensá por China.
A posta en escena de "Mo Li Hua" (Flor de jazmín) recrea a transformación da flor de jazmín en té, unha alegoría en torno a cal se reúnen as familias para celebrar a festa máis popular de Shanghai. O artista Xiao Ping Zhao, ataviado co traxe tradicional de seda branca, e a Real Banda levaron no tempo ao público ata a antiga China milenaria, mesturando o son da gaita e as cantareiras co máis puro estilo musical chinés.

Os espectadores, na súa maioría chineses, disparaban os flashes da súas cámaras ao tempo que cantaban a coro a melodía ancestral chinesa xunto co son das gaitas. Ao remate do espectáculo, Xiao Ping e os integrantes da Real Banda brindáronse a unha sesión fotográfica coas ringleiras de visitantes que diariamente se achegan ao pavillón español.

Te puede interesar