Un mes do verquido

Rodrigo Fresco, o veciño que avisou dos "pellets" dende Balieiros: "Levantei a cabeza e se vían todo puntos brancos"

undefined
photo_camera Rodrigo Fresco, limpando "pellets"

 

Rodrigo Fresco é o veciño de Corrubedo que deu o primeiro aviso do fatídico verquido de sacos de "pellets" e a súa chegada a unha das praias máis bonitas e salvaxes de Galicia. Hoxe, un mes despois, participa nas tarefas de limpeza no mesmo areal. Esta vez coa axuda da veciñanza, voluntarios e técnicos

A praia de Balieiros é un dos areais máis expostos e, posiblemente, que máis forza recibe do Atlántico na costa galega. Unha forza que quizáis provocou que fora o primeriro punto onde se detectou o verquido de microplásticos, que días antes perdera un cargueiro fronte as costas de Viana do Castelo, en Portugal.

Foi un veciño de Corrubedo o que atopou, o mércores 13 de decembro, decenas de sacos brancos repletos de minúsculos e transparentes gránulos de plástico.

O primeiro impulso de Rodrigo foi retirar canto antes da beira do mar todos os sacos que puido, ao tempo que botaba unha man ao seu teléfono para dar aviso. O seu esforzo centrouse en recoller contrarreloxo, subir os sacos para a parte alta da area e que a auga non o levase de volta e intentar chamar, cos dedos conxelados, e sen saber moi ben que era o que tiña diante del.

A túa chamada foi a primeira, hai agora un mes.

A min chegoume ao bar un pai dun xogador meu e díxome que viña de Balieiros e que había unhas bolsas de plástico tiradas na praia e que non sabía o que era.

Viñen a Balieiros e cando cheguei había dous sacos amoreados no Portiño, dous sacos nas pedras do fondo e tres sacos nas pedras que hai entre O Portiño e Balieiros. Enton  subín os sacos para arriba para sacalos da rompente, se ben a praia xa estaba completamente chea de bolas.

"Pellets", gránulos de plástico
"Pellets", gránulos de plástico

Estabas só e había moitos sacos, que decidiches?

Chamei ao Seprona que non colleu a chamada, chamei ao 112 e puxéronme con Salvamento Marítimo, que me tiveron trinta minutos agardando. Ata que me dixeron que Salvamento Marítimo estaba xa ao tanto, mais que non podía actuar polas inclemencias do tempo.

Que se vía na praia?

Levantei a cabeza e mirei para esta praia de aquí e xa se vían todo puntos brancos. Aquilo estaba todo cheo xa de bólas, había moito nas pozas, estaban os sacos por riba das pedras… amoreéinos, chamei ao Seprona outra vez e díxéronme de novo que tiña que marcar coa Policía Nacional e eles coa autonómica.

Foi entón cando che pediron que describiras o que estabas a ver?

Si, díxenlle que eran sacos cheos como dunha especie de piche, de alcatrán, con cheiro de gasóleo, bólas moi pegajosas, soltaban unha película branca ao redor e pedíronme que mandara a ubicación e que sacara fotos. Fíxeno e seguín retirando sacos.

Recibiches resposta despois de tanta chamada?

Si, dixéronme que virían ao día seguinte. Eu seguín percorrendo a praia. Dende O Corvo ata Balieiros seguín retirando sacos para arriba. Chamei tamén a Greenpeace e non sabían como actuar nese momento.

Rodrigo Franco participando das tarefas de limpeza un mes despois en Balieiros
Rodrigo Fresco participando das tarefas de limpeza un mes despois en Balieiros

Cantos sacos de gránulos de plástico rescataches da praia e da auga o día 13?

En total foron corenta sacos o primeiro día. O segundo día fun dende Balieiros ata o Faro de Corrubedo e recollín outros oito sacos que estaban nas pedras e algún outro que estaba roto.

E onde están agora os sacos?

Están nun almacén, imaxino que esperando a ser destruídos ou entregalos a quen deban.

Agora estás axudando a limpar, xusto un mes despois daquela primeira chamada, como ves o panorama?

O panorama é que isto non vai ser doado de sacar. Estamos sacando pellets de debaixo da area, enterrados. O mar limpa, o leva, pero a auga vaino sacar a flote. Hai que estar actuando aquí, día tras día.

E a limpeza no mar, que opinas, que din os pescadores?

No mar é moi complicado de atopar os pellets. Xa é complicado na area, imaxina na auga atopar algo transparente. O mellor sería encontrar os sacos, agora co temporal que está entrando sería máis factible que apareceran máis sacos enteiros, sen desperdigar os pellets. Esperemos.

Te puede interesar