RECOÑECEMENTO

Sarabela Teatro, premiada na gala da Cultura galega

Acto de entrega de los Premios da Cultura Galega
photo_camera Sarabela Teatro recolle o seu premio.

A compañía teatral levou o premio das Artes Escénicas. Os outros premiados foron María Xosé Queizán, Maximino Zumalave, Numax, a Irmandade Xurídica Galega, o Museo de Pontevedra e Elena Zernova. 

María Xosé Queizán (Letras), Miguel Fernández-Cid (Artes Plásticas), Sarabela Teatro (Artes Escénicas), Maximino Zumalave (Música), Numax (Audiovisual), Irmandade Xurídica Galega (Lingua), Museo de Pontevedra (Patrimonio Cultural) e Elena Zernova (Proxección Exterior) son os nomes propios que foron recoñecidos con senllos premios nas súas categorías na gala da Cultura galega.

Un a un recolleron os seus galardóns nun acto presidido polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e que contou con outras autoridades como o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva.

Os Premios da Cultura Galega, que convoca anualmente a Xunta, son o recoñecemento ao labor desenvolvido por entidades culturais e profesionais independentes. O galardón consiste nunha peza de bronce realizada polo escultor Manolo Paz baixo o título `Froito`, coa que se representan os logros da vida como resultado do traballo no día a día, co esforzo e a constancia de quen loita por conseguilos.

O xurado dos premios 2016 estivo formado polo conselleiro de Cultura, o Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago de Compostela, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e os profesionais do ámbito cultural Susana Seivane (gaiteira), Xosé Ballesteros (editor) Fefa Noia (directora teatral) e Manuel Vilariño (fotógrafo).

A gala, coa caligrafía de Nacu como fío condutor, contou coas intervencións artísticas da percusionista Lucía Martínez, con sons de marimba e de tambores; Sara Fernández (óboe) e Javier Sierra (fagot) que estrearon `Fantasía para óboe e fagot` de Xosé Carlos Seráns Olveira; Budiño, que acompañado de Cibrán Seixo (ao violín), Antonio Rodríguez (co bombardino) e Sérgio Tannus (á guitarra), levou `Marcha de Breixo`; e o Coro Cantigas e Agarimos, coa interpretación do Himno de Galicia.

OS PREMIADOS

María Xosé Queizán, escritora e catedrática de Lingua e Literatura Galega, directora da revista Festa da Palabra Silenciada e pensadora feminista, empezou moi nova no xornal El Pueblo Gallego. Ten unha dilatada traxectoria como escritora con distintos estilos e xéneros e títulos como `A orella no buraco` e `Fóra de min`, xunto con pezas teatrais e traducións de Emilia Pardo Bazán e Marguerite Yourcenar. Como ensaísta publicou `A muller en Galicia`` e `Misoxinia e racismo na poesía de Eduardo Pondal`.

Na súa intervención, Queizán leu un poema cunha alegación feminista e agradeceu o galardón recibido ao xurado que "tivo a ben" fixarse nela.

Miguel Fernández-Cid, licenciado en Xeografía e Historia na Universidade Complutense, foi profesor de Belas Artes na facultade de Pontevedra. Colaborador en revistas especializadas; e escritor, conferenciante e comisario de exposicións, en 2016 foi un dos impulsores da mostra Mestre Mateo no Museo Nacional do Prado.

Nas súas palabras de agradecemento, Fernández-Cid destacou a relevancia que tivo o número 16 --edición na que foi premiado-- na súa vida e esperou que "esta lexislatura" o equipo do presidente lle dea unha "revitalización" á cultura, sen esquecer as dificultades que pasan os creadores, situación pola que fixo un chamamento a cambiar.

Sarabela fixo as súas primeiras montaxes no ano 79 e un ano despois, Ánxeles Cuña fundou a Asociación Teatral Xuvenil Independente Sarabela, para profesionalizarse como empresa a partir de 1990. Ademais de recibir numerosas distincións, representou as súas propostas artísticas en Galicia, noutros puntos de España, e países como Portugal, Italia, Francia e Marrocos. Sarabela tamén dirixe dende 1991 a Aula de Teatro Universitario do campus de Ourense.

Ánxeles Cuña aproveitou a súa intervención para pedir a rebaixa do IVE cultural e esperou que o ano que vén non haxa que facer esta reivindicación. Á marxe desta petición, agradeceu este premio que "non é un máis" e proclamou: "En Galicia, a arte florece mesmo debaixo das premios".

Maximino Zumalave formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart, como discípulo de Anxo Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Dirixiu importantes formacións como a Orquestra de Cámara de Stuttgart e fundou o Coro Universitario de Santiago e é dende 2010 membro do plenario e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2008, recibiu a Medalla Castelao.

Ante o público, deu as "grazas pola música" que puido facer en Galicia. "A Nosa vida é mellor con música", dixo, antes de asegurar que "que bonito sería facer música" tamén para os "parados, para os marxinados", porque a "cultura e a música poden axudar a combater o desánimo".

Numax é a primeira sala de cinema galega integrada na rede de exhibición Europa Cinemas, selo de calidade de referencia internacional na difusión do cinema europeo e doutros territorios, do que forman parte máis de 2.000 pantallas de 42 países. Dende a súa recente creación en 2015, xa superou os 60.000 espectadores e nas súas instalacións acolle a única sala de Galicia que traballa integramente coa versión orixinal nas súas fitas, ademais de impulsar un programa de subtitulación ao galego. En 2016 recibiu o premio Mestre Mateo José Sellier á mellor iniciativa audiovisual.

Os impulsores deste proxecto cooperativista tiveron palabras para o dous veces galardoado en Cannes Oliver Laxe e a súa fita `Mimosas`, que leva varias semanas en cartel en Numax. Ademais, pediron o desenvolvemento dunha Lei estatal de cinema, que "ceda competencias" ás autonomías e que permita que proxectos como o seu se manteñan e outros nazan.

IRMANDADE XURÍDICA, MUSEO, ELENA ZERNOVA

A Irmandade Xurídica Galega (IXUGA) constituíuse como organización específica no ano 2008 para dar continuar ao labor da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística de Galicia en favor da lingua propia no ámbito xurídico. Hoxe en día aglutina máis de 300 axentes do sector e encargouse da tradución de textos xurídicos e publicou biografías de xuristas destacados como Bouza Brey ou Sebastián Martínez-Risco.

O presidente da Irmandade, Enrique Monteagudo, esperou que, tras este galardón, sexan "capaces de redobrar esforzos de conseguir os obxectivos" desta entidade, é dicir, que o galego "sexa" a lingua da xustiza e o dereito.

O Museo de Pontevedra foi creado pola Deputación Provincial baixo a presidencia de Daniel de la Sota en decembro de 1927. Actualmente está composto por seis edificios que inclúen as ruinas de San Domingos, do século XIV, ata o máis recente inaugurado en 2013 e no seu interior alberga coleccións excepcionais, tanto en clave galega como española e mesmo internacional.

O director do museo, Carlos Valle, reivindicou que o de Pontevedra é o museo "máis grande" dos provinciais de toda España. "Constancia, traballo e amor", foron as palabras que usou para definir o traballo que debe acompañar esta institución.

Elena Zernova, nacida en San Petersburgo (Rusia), o licenciada en Ciencias Filolóxicas e Filoloxía Románica e o seu interese polas linguas e culturas minoritarias levoulle a iniciar traducións do galego e do catalán ao ruso. A Galicia viaxou por primeira vez en 1993 e, entre outras facetas, é membro do comité científico do Boletín da RAG e directora do Instituto de Estudos Galegos na súa cidade natal. Dende alí, enviou un vídeo de agradecemento polo premio e onde expresou o seu amor pola Comunidade galega e a súa "fermosa" lingua.

Te puede interesar