Sindicatos e cidadáns denuncian o 'carácter mercantil' de Augas de Galicia

Representantes da Plataforma Galega contra a Lei de Augas, integrada por unha quincena de asociacións, denunciaron hoxe no rexistro da Consellaría de Medio Ambiente o 'carácter mercantil' do organismo público Augas de Galicia ao entender que fará da auga 'un elemento obxecto de negocio'.

A secretaria xeral do sindicato agrario SLG, Carmen Freire, unha das líderes da plataforma, explicoulle a Efe que os quince colectivos integrantes presentaron unha 'alegación global' ao borrador do decreto que regula o estatuto de Augas de Galicia, o primeiro dos seis regulamentos que desenvolverán esta lei.

Freire considerou 'gravísimo' que estes estatutos, que actualmente se encontran en fase de exposición pública, establezan no seu artigo 23 a posibilidade de que Augas de Galicia 'poida crear ou participar de sociedades mercantís'.

'Está claro que se promove a privatización da auga', indicou Freire, quen precisou que o estatuto 'dota de pleno carácter lucrativo' esta entidade pública encargada de levar a cabo a política da auga en Galicia.

A responsable do SLG apuntou que outro dos aspectos desta lei que máis lles preocupa aos cidadáns é o establecemento dun canon que gravará o uso da auga.

A este respecto, Freire cualificou de 'aberración absoluta' que se estableza un canon 'tanto onde se fixeron infraestruturas para o abastecemento e o saneamento da auga como onde non se fixeron'.

A voceira da Plataforma cuestionou o compromiso da Xunta de que a medida non afectará as zonas rurais, tendo en conta que a lei establece unha bonificación do 90 por cento para as 'traídas' ou conducións privadas de veciños, e precisou que 'non se trata dunha exención', senón dunha dedución que a Administración 'pode subir, baixar, aplicar ou tirar cando queira'

Por todo iso, Freire solicitou a derrogación da lei e a elaboración dunha nova normativa que 'garanta o carácter da auga como ben público, universal, social e gratuíto'.

'O que poden facer se queren efectivamente non privatizar a auga é redactar unha nova lei en consenso coa sociedade galega, cousa que non fixeron no seu día, e entón faremos as achegas para que non haxa canon onde non ten que habelo e non haxa unha utilización mercantil da auga', concluíu.

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas está integrada por asociacións sindicais, ecoloxistas e sociais tales como o SLG, CUT, Altermundo, Marcha Mundial das Mulleres, Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública ou Mocidade Nacionalista Galega.

Te puede interesar