Tenente de alcalde de Ferrol cre que a actuación da Policía Local na protesta do naval 'non puido ser máis light'

O primeiro tenente de alcalde de Ferrol, José Manuel Vilariño, avalou este mércores a actuación da Policía Local, que recorreu ao gas pementa para disuadir os traballadores do sector naval que trataron de entrar na Alcaldía o pasado martes, por entender que 'non puido ser máis light'.
De feito, o Goberno local de Ferrol, encabezado polo PP, xa solicitou á súa asesoría xurídica información sobre como actuar tras os incidentes acontecidos durante as protestas e os informes pertinentes da Policía Local e a Policía Científica, segundo indicou José Manuel Vilariño.

Os danos nas instalacións municipais aínda non están cuantificados. Produciuse a rotura de cristais das portas do salón de recepcións e dalgúns marcos, mentres que carteis de sinalización foron arrancados e se fixeron pintadas. As portas, segundo fontes municipais, son as orixinais da casa consistorial.

En canto ás denuncias de varios membros da Xunta de Persoal sobre falta de seguridade na Casa do Concello, Vilariño rexeitou que haxa que buscar aí as 'razóns'. Máis ben, apostou por que 'cada un analice cál foi a súa conduta, porque o que se viu non leva a ningún sitio'.

Preguntado sobre se a acción dos axentes da Policía Local fora desproporcionada, afirmou que, como se vía nalgúns vídeos de medios de comunicación, a 'Policía Local ata foi agredida e máis light non puido ser a súa actuación'. 'Eu, dende logo, téñolles que felicitar polo seu traballo', concluíu.

CC.OO. PIDE DIÁLOGO

Pola súa banda, o secretario comarcal de CC.OO., Xulio Abelleira, defendeu as mobilizacións dos traballadores e subliñou que 'se producen situacións de moita tensión' e que é necesario comprender a parte humana'.

Xustificou o sucedido no feito de que 'tanta reunión, tantos compromisos e tanta espera poden acabar desembocando en situacións difíciles de manexar'. En todo caso, defendeu que 'por ambas as dúas partes, as actitudes do diálogo son as que dan resultado'.

Te puede interesar