Todo o litoral galego continuará mañá en alerta laranxa

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informou hoxe de que mañá continuará activada a alerta laranxa en todo o litoral por un novo temporal costeiro con ondas de ata 6 metros.

Segundo os datos da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o temporal comezará ás 06.00 horas no noroeste e oeste da provincia da Coruña e estenderase ao resto da provincia, a Lugo e a zona das Rías Baixas cara ás 12.00 horas

Sobre as 15.00 horas o temporal afectará o resto do litoral e a provincia de Pontevedra, indica a Xunta nun comunicado.

Para garantir a seguridade das persoas e dos bens, Emerxencias comunicoulles esta situación a través do servizo 112 aos municipios afectados, ás deputacións e servizos provinciais e ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubs náuticos, entre outros para que tomen as medidas oportunas.

A Xunta lémbralle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes e aconsella consultar a páxina web do Centro de Atención de Emerxencias CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con 'información meteorolóxica e ligazóns de interese'.

Te puede interesar