Touriño critica a actitude de 'Galiza non se vende'

O ex presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño criticou onte o pensamento de esquerdas que se sitúa 'en posicións defensivas' e que corre 'o risco' de xerar 'inmobilismo', exemplificando coa postura que adoptou a plataforma 'Galiza non se vende' fronte á norma de protección da costa impulsada na pasada lexislatura.
Pérez Touriño manifestouse así na inauguración dun curso da Universidade da Coruña en Pontedeume. No actual 'cambio de época' no que situou a sociedade, criticou que a defensa da utopía poida levar á esquerda a 'posicións defensivas' que sostén que 'ocultan o descompromiso e a falta de capacidade coa busca de resposta' para o 'progreso dos valores'.

Así, puxo o exemplo concreto da normativa de protección da costa que defendeu o Goberno bipartito e que prohibía 'cautelarmente' a construción a 500 metros da costa. Lamentou que, ademais das 'resistencias internas' do seu partido polo 'temor a perder as eleccións e non ser entendidos', xurdisen plataformas de esquerdas que rexeitaron a normativa.

'É curioso que fronte ao Goberno que estaba a aprobar a norma de maior transcendencia na historia da comunidade, se organizou unha plataforma que se chamou Galiza non se vende', manifestou.

Touriño engadiu que, 'pasado o tempo, felizmente converteuse nunha plataforma común que a todo o mundo lle custa cambiar e que o Goberno do PP a asume como propia'.

Te puede interesar