GALEGO

Un videoclip en clave de "hip-hop" como impulsor da lingua galega

O colexio Sagrada Familia de Aldán (Cangas) aposta por un estilo actual para impulsar a lingua galega cun videoclip en clave de "hip-hop", co que gañou o 15º concurso de apoio ao galego organizado por Correlingua.

O colexio Sagrada Familia de Aldán (Cangas) aposta por un estilo actual para impulsar a lingua galega cun videoclip en clave de "hip-hop", co que gañou o 15º concurso de apoio ao galego organizado por Correlingua.

Nun acto, celebrado esta mañá na biblioteca Ánxel Casal, foron convocados os colexios e institutos participantes nesta actividade, para facer entrega de premios a aqueles que presentaron as actividades máis orixinais.

Tamén se fixo entrega dun premio ao instituto de Pontecesures, na categoría de relato, pola utilización das novas tecnoloxías para a difusión do galego.

O secretario nacional da CIG Ensino, Anxo Louzao, recoñeceu o mérito dos docentes ao apoiar este tipo de actividades nas aulas, pois "isto fai posible o futuro do galego".

No seu discurso tamén explicou a situación "débil e de desamparo" que sofre o idioma no momento actual.

Cunha comparación de tempos pasados e actuais, Louzao contou aos alumnos que os seus antepasados representaban "75% no uso do idioma" polo que agora o seu deber é o de "recuperar ese legado".

Pola súa vez, a representante da STG, Carmen Vilariño, deu maior valor ao galego considerándoo como "configurador da nosa personalidade, pensamento e forma de ser".

Na súa intervención, recalcou o dito xa por Anxo Louzao, deixando en man da mocidade a responsabilidade de salvar a situación en que se encontra a lingua galega.

O presidente da Mesa pola Normalización lingüística, Marcos Maceiras, considerou que o "Correlingua" é das mellores campañas que axudan a fomentar o uso do galego, considerándoa como unha das actividades máis amplas e que máis cidadáns congrega.

Maceiras, en referencia a Castelao, fixo alusión a unha das súas reflexións nas que se comparaba o Pórtico da Gloria coa lingua galega para mostrar o valor que tiña este idioma como parte do noso patrimonio.

Esta campaña congrega máis de 40.000 alumnos de toda Galicia, e planea comezar con carreiras pola normalización da lingua o vindeiro 4 de maio, partindo da cidade compostelá. Esta actividade concluirá no día 15 do mesmo mes, con meta en Pontevedra, pasando por 12 vilas ás que "se achegará ese sentimento" de aposta pola lingua, así o explicou a responsable da biblioteca.

Te puede interesar