O xeneral da Brilat explica que sobre todo as patrullas vixiarán 23 municipios de Ourense e Pontevedra

O Consello da Xunta aprobou o acordo polo que se autoriza á Consellería de Medio Rural para asinar o convenio de colaboración co Ministerio de Defensa para a prevención de incendios forestais, por un importe de 504.371 euros. O xeneral da Brilat, José Antonio Alonso, explicou que, en condicións de risco 'medio' despregaranse 23 patrullas, que vixiarán os montes de 23 municipios das provincias de Ourense e Pontevedra, fundamentalmente.
Alonso, que se reuniu cos responsables da Cámara de Comercio de Pontevedra para tratar un convenio de formación destinado a persoal militar que retorne á vida civil, sinalou que os termos da campaña contra incendios deste ano son 'idénticos' aos da tempada pasada, con tres niveis de intensidade: medio, alto ou moi alto. Nestes dous últimos casos, aumentaríase o número de patrullas a 50 e 75, respectivamente, co apoio dun ou dous helicópteros.

Por indicación da Consellería de Medio Rural, que é a que determina cáles son os territorios máis 'vulnerables' sobre os que se actuará, os efectivos da Brilat realizarán tarefas de vixilancia en seis distritos forestais. 'Esperemos que poida ser un ano con poucos incendios e que non se nos queime a masa forestal que temos en Galicia que é unha riqueza extraordinaria e sería unha pena', sinalou o xeneral da Brilat.

Ademais de Ourense e Pontevedra, onde se realizará o maior 'esforzo', o Terzo Norte da Armada, con base en Ferrol, patrullará a área de Barbanza, Muros e Carnota. Tamén podería participar a Unidade Militar de Emerxencias en caso de que se produza un incendio de grandes proporcións.

Te puede interesar