Xunta investiga a denuncia dos pilotos de Gardacostas

A Consellaría do Mar está investigando a denuncia do sindicato de pilotos sobre o suposto límite horario que sobrepasan os compañeiros do Servizo de Gardacostas, aínda que asegura que este é un conflito entre os traballadores e a empresa concesionaria.

O Colexio de Pilotos de Aviación Comercial (COPAG) cualificou hoxe de 'intolerable' a situación dos compañeiros do Servizo de Gardacostas de Galicia, 'obrigados a traballar de forma ilegal', ao chegar ao límite das horas de traballo anuais que establece a lei.

Nunha nota de prensa, a Consellaría asegura que investiga a denuncia e que lle solicitou información á empresa concesionaria do servizo para 'aclarar' a situación dos comandantes e persoal de voo do servizo.

Tras estudar o caso, a Xunta actuará 'en consecuencia', aínda que apunta que se trata dunha cuestión 'interna' entre a empresa e os seus traballadores, 'sen que exista relación directa' coa Administración galega.

A nota especifica que as discrepancias entre os pilotos e a empresa son por recuperar as horas totais de traballo ao ano, as que os traballadores están de garda na base, e non por sobrepasarse en horas de voo.

Finalmente, Mar asegura que o contrato que mantén coa empresa Inaer garante a operatividade as 24 horas do día dos 365 días do ano da tripulación dos helicópteros de Vigo e Celeiro, pero a Xunta 'non ten nada que ver coas disfuncións entre a empresa e os traballadores', conclúe.

Te puede interesar