PLENO DO PARLAMENTO

A Xunta nega que se pechen catro centros e a oposición ve unha "ofensiva" contra o ensino

636353857824991421w
photo_camera Un instante da sesión plenaria do Parlamento de Galicia.

A reorganización dos centros de Outes, As Pontes, Ribadavia e O Porriño foi un dos temas principales na sesión plenaria da administración galega

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reiterou o seu defensa da reorganización de centros para o próximo curso en Outes, As Pontes, Ribadavia e O Porriño. Así, reduciu os peches a un caso -o actual edificio do Emilio Navasqüés- fronte a unha oposición que acusou á Xunta de "desprezar" á comunidade educativa e emprender unha "ofensiva" contra o sistema público.

Rodríguez compareceu no pleno do Parlamento galego para explicar a reorganización de centros que emprenderá a Consellería o próximo curso, que estivo marcada por un intercambio de reproches cos representantes dos grupos da oposición.

Tamén estaban presentes representantes das familias dos centros afectados na tribuna de invitados, desde onde se escoitaron reproches e apupos nalgúns momentos do debate e que levaron a diversas chamadas de atención por parte do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, que chegou a expulsar a un deles.

O titular de Educación defendeu que se estas medidas foron tomadas "tendo en conta criterios pedagóxicos, xeográficos, demográficos e de xestión responsable dos recursos", co fin de que o alumnado teña acceso a "máis e mellores oportunidades" para cursar estudos e adaptar estas zonas "á realidade" doutras localidades, trasladando alumnos de secundaria a IES do mesmo municipio.

O conselleiro lembrou que os CPIs naceron en Galicia como unha "excepcionalidade", acollendo alumnos de primaria e secundaria para evitar "longos desprazamentos en determinadas zonas", sobre todo no rural, e que "tras 20 anos", deuse unha "clara evolución" tanto na rede de centros como na realidade de matrícula.

Traslado de alumnos

En Outes, pecharase o Emilio Navasqüés e 67 alumnos pasarán a un centro plurilingüe, o novo CEIP de Outes, con "máis servizos" e respectando o cociente de alumnos por profesor.

No resto de casos trasladaranse alumnos de secundaria a IES próximos no mesmo municipio. Nas Pontes, integrarase o Monte Caxado no CEIP A Magdalena, pero manterase "a mesma organización" no actual inmoble (ambos están separados por un valado) e os 56 alumnos de secundaria trasládanse a institutos locais, con maiores itinerarios formativos.

En Ribadavia e O Porriño transformaranse CPIs en CEIPS, o caso do Tomás de Lemos e o Ribeira, respectivamente, mentres que tamén se trasladarán alumnos de secundaria a outro IES próximos na localidade.

"Debe quedar moi claro que non se pode falar de peche de catro centros escolares o próximo curso", reiterou, afirmación que suscitou reproches desde o palco de invitados, onde había representantes das familias afectadas, ademais dun sonoro apupo ao conselleiro tras finalizar a primeira intervención.

A eles referiuse Rodríguez durante un momento da súa comparecencia, asegurando entender "o nerviosismo, o medo e as incertezas" cos cambios expostos, e as "razóns afectivas" e de "apego" aos centros.

Neste sentido, asegurou que esta decisión se adoptou para "dar máis oportunidades" aos mozos que estuda no municipio e asegurou que os servizos de inspección e as xefaturas territoriais están abertos a explicar todas as dúbidas que poidan xurdir ante esta reorganización.

"En ningún caso pódese dicir que non dialogamos, que non acordamos", destacou, aludindo a conversacións coas comunidades educativas, entre elas unha reunión co rexedor das Pontes, Valentín González Formoso, para "buscar puntos de encontro".

En contraposición, arremeteu contra as reaccións "absolutamente esaxeradas e desproporcionadas" dos grupos da oposición, baseadas na "gran mentira" de que pechan catro centros.

"Converteuse un asunto técnico, practicamente administrativo, nunha cuestión política", advertiu, insistindo en que "non é a primeira vez" que Educación toma unha decisión deste tipo, referíndose ao traslado de alumnos realizado polo bipartito en 2008.

"Ofensiva" contra a Pública

Os grupos da oposición mostráronse especialmente críticos co titular educativo, sobre todo por non explicar a remodelación da rede de centros na súa última comparecencia parlamentaria, realizada uns días antes de coñecerse esta decisión.

"Vaia papeleta señora Rodríguez", sinalou Olalla Rodil, do BNG, ironizando con que "entre cambios e fusións case `digievoluciona`" e criticando o uso da linguaxe para ocultar o peche de centros.

Así, reprochou que "non se escoite ás familias" e acusou á Xunta de emprender "a segunda ofensiva no marco da súa reconversión educativa", iniciada contra unitarias e centros con pouco alumnado e agora xustificada por "optimizar recursos", para "enmascarar" este recorte á vez que se destinan 1.550 millóns á privada-concertada de aquí ata 2023.

Nesta liña, Luís Álvarez do grupo socialista advertiu de que a comunidade educativa está "en situación de prealerta" e que "non se fían" da propia Consellería de Educación, insistindo en que o "descontento" ante a remodelación quedou evidente ante a "manifestación descomunal" celebrada ante a sede da Xunta.

"Desprezo absoluto polo profesorado", insistiu, acusando á Xunta de "ocultar" a remodelación no Consello da Xunta do 20 de xuño, en cuxa referencia "non se menciona" o decreto.

Luca Chao, de En Marea, acusou á Xunta de tratar ás familias "como menores de idade", advertindo de que son "perfectamente conscientes do que están a tratar de facer" e "por iso manifestáronse nos seus concellos".

Así, pediu deixar de "botar balóns fora" e non ignorar a familias, sindicatos e profesorado "que non queren que pechen".

Finalmente, César Fernández Gil, do grupo popular, lamentou a "cerimonia da confusión" por parte da oposición, e defendeu que a Xunta busca "mellorar a calidade educativa" con esta remodelación.

Rifa final

O final do debate estivo marcado por unha rifa entre o presidente da Cámara e algúns deputados, iniciada tras concederlle a palabra ao popular López Crespo por alusións da deputada Luca Chao sobre a actitude do concello de Outes respecto ao peche do Emilio Navasqüés.

Crespo defendeu que o PP local reuniuse coa comunidade educativa para explicar esta remodelación e que están en "contacto continuo" coas familias, palabras que suscitaron reproches desde a oposición parlamentaria.

Posteriormente, as deputadas Noela Blanco e Luca Chao pediron tamén a palabra por supostas alusións e, no caso da parlamentaria de En Marea, para responder o deputado popular. Ambas foron rexeitadas por Santalices, o que xerou unha rifa cos membros da oposición.

Doutra banda, durante a comparecencia do conselleiro de Educación, unha representación de familias dos centros afectados estivo concentrada ante o recinto do Parlamento para protestar contra o peche de centros.

Te puede interesar