Xunta e sector opóñense a reducir capturas cando falten datos científicos

A Xunta e o sector pesqueiro galego opóñense á proposta da Comisión Europea (CE) de reducir as capturas e as cotas pesqueiras cando non haxa suficientes datos científicos sobre as reservas.
A Consellaría do Mar e o sector traballarán 'man a man' na busca de argumentos que acrediten ante a UE que a pesca en Galicia é 'unha actividade sustentable e de relevancia para a nosa economía', asegurou a conselleira, Rosa Quintana, tras reunirse con representantes do sector pesqueiro.

A reunión tratou de facer unha primeira avaliación da comunicación da Comisión Europea que establece a proposta de reducir nun 25 por cento a cota de toda especie da que non se dispoña de datos científicos suficientes para determinar a súa situación.

Quintana destacou que a Administración e o sector 'non se poden permitir que isto vaia adiante', polo que lle pediu 'a máxima colaboración' ao sector, para que achegue ideas e estableza argumentos.

A titular do Mar fixo fincapé en que o sector galego traballa por manter unha actividade sustentable e puxo como exemplo os 1.050 empregos que xerou só o ano pasado a frota galega que traballa no Cantábrico-Noroeste.

Con respecto ás medidas que pode tomar a Xunta ante esta proposta da UE, Quintana lembrou que a Administración conta cos datos das descargas de especies en Galicia e o estudo do impacto socioeconómico da Universidade de Santiago, malia o cal este asunto afecta a todo o Estado.

Por iso, indicou que se porá en contacto coa Secretaría Xeral do Mar para coñecer a postura do Ministerio e empezar a tomar medidas 'porque España xoga moito', ante o que avogou por defender unha postura común ante a UE.

Quintana lembrou que tanto a Administración coma o sector están moi preocupados pola proposta da UE e apuntou que o impacto económico de máis de 40 millóns de euros que supón só o recorte nun 93 por cento da cota do lirio.

Te puede interesar