Os tres familiares arrestados quedaron en liberdade provisional imputados por un suposto delito contra as relacións familiares

A Xunta traballa con programas de apoio familiar co fillo e neto da muller que morreu en Lugo por falta de atención

A Consellería de Traballo e Benestar traballa con programas de apoio co menor de 14 anos e o bebé, fillo e neto, respectivamente, da muller que faleceu en Lugo por non recibir a atención debida, feito que motivou a detención de tres familiares que convivían con ela.
Segundo informaron fontes do departamento de Traballo e Benestar a Europa Press, dende que a xuíza se puxo en contacto coa Xunta o pasado día 2, técnicos do departamento de Menores avaliaron a situación do mozo de 14 anos e do bebé.

Se ben a tutela dos menores a exercen familiares da vítima por orde da xuíza que leva a causa, a Xunta iniciou un plan de actuación concreto co mozo de 14 anos, que acudirá de luns a venres a un centro de día para traballar con el en materia de apoio familiar e ver a súa evolución.

En canto ao bebé, a Xunta dispuxo un plan de apoio e seguimento coa familia coa que reside, a través do Equipo de Integración Familiar, xa que está a cargo do seu avó. Deste modo, as mesmas fontes destacaron que se pretende velar polo benestar de ambos os dous menores.

Pola súa banda, o Concello de Lugo destacou que esta familia non solicitara ao departamento municipal de Servizos Sociais axuda para a muller falecida, que padecía a enfermidade de Alzheimer, xa que 'nunca' se puxo en contacto coa Casa do concello.

Non obstante, fontes municipais sinalaron que a familia pediu axuda a un centro de saúde de Lugo dependente do Sergas e a un centro de día privado.

FEITOS

Os tres familiares da vítima foron detidos acusados dun delito de homicidio por deixar morrer a un familiar que non se podía mover e ao que non prestaron a atención debida, o que lle produciu unha desnutrición e acelerou a súa morte, segundo a Comisaría de Lugo.

Os tres detidos eran familiares directos da muller falecida e convivían no mesmo domicilio no que se produciu a morte. Así mesmo, nesta vivenda tamén residía o menor de 14 anos de idade -fillo da falecida- e un bebé de sete meses -o seu neto-.

O pasado 2 de febreiro procedeuse ao levantamento do cadáver desta muller, que atopaba nun cuarto do seu domicilio habitual, en condicións de insalubridade e abandono, xa que presentaba grande cantidade de feridas e chagas.

Ante as evidencias de que a muller non recibira os coidados máis elementais, foi aberta unha investigación que permitiu comprobar que tampouco se lle prestara asistencia médica e que, nas últimas semanas, non recibira alimento, nin foi aseada, nin levantada da cama. Desta forma, sufriu unha desnutrición, o que provocou 'unha aceleración do proceso que lle produce a morte', segundo a Policía.

EN LIBERDADE

Os tres detidos en relación estes feitos quedaron en liberdade provisional e sen medidas preventivas tras prestar declaración o xoves no Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo.

A estas tres persoas impútaselles un suposto delito contra as relacións familiares, segundo confirmaron fontes xudiciais.

Te puede interesar