2015

Xuventude e Voluntariado ofrecerá máis de 8.500 prazas neste verán

Os interesados poderán optar tamén a prazas noutras comunidades autónomas, como o País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ofrecerá neste verán máis de 8.500 prazas de campamentos de verán, coa novidade neste exercicio dunha nova programación en campamentos para os de máis de 14 anos.

A programación foi presentada polo titular do departamento, Ovidio Rodeiro, quen indicou a inclusión de campamentos para menores de entre 9 e 17 anos, oferta concertada e campos de traballo e actividades para maiores de idade.

A Xunta informou nun comunicado de que, para a entrada en funcionamento destas actividades, o Executivo investirá 2,4 millóns de euros, que permitirán, ademais, a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

O director xeral adiantou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a convocatoria para solicitar praza nos 19 albergues e campamentos que estarán dispoñibles.

Ademais, os interesados poderán optar tamén a prazas noutras comunidades autónomas, como o País Vasco, Castela e León, Estremadura e A Rioxa.

Rodeiro, que dixo que a galega é "a programación máis importante de todo o Estado", apuntou que a duración das quendas, que terán lugar entre xullo e agosto, variará en función da idade dos participantes e das características dos campamentos, que serán de entre os 8 e os 12 días.

No referente aos campos de traballo para maiores de 18 anos, contarán con máis de 700 prazas, das que 485 serán de acollida en campos organizados en Galicia e outras 260, de partida, das que 110 noutras comunidades autónomas e 150 no estranxeiro.

Te puede interesar