O programa da TVG chega de novo disposto a sorprender a un galego

O ‘Comando Chef’ experimenta unha nova aventura acompañado de Israel Pita

Israel Pita. (Foto: Arquivo)
O ‘Comando Chef’ regresa á TVG disposto a cumprir un novo reto e sorprender a alguén cunha cea na súa casa acompañado dun dos seus ídolos. Nesta ocasión será Israel Pita, ex concursante de ‘Gran Hermano’, o convidado a cear sen previo aviso. Isabel Blanco, Rafa Durán e André Arzúa terán todo a punto para elaborar o improvisado menú en 60 minutos.
Verduras en tempura, hamburguesa de tenreira con verduras e crema de flan con kiwi de chocolate. Este é o particular menú que hoxe preparará o ‘Comando Chef’ para sorprender a un novo invitado. O programa da Televisión de Galicia regresa esta noite á pantalla (ás 21,40 horas) disposto a cumprir unha nova misión. Como é habitual, o cociñeiro André Arzúa e o maître Rafa Durán terán por diante o reto de presentarse nunha casa, sen previo aviso, para elaborar un menú nunha hora. Iso si, terá que ser unicamente co que haxa nese momento na neveira ou despensa.

Paralelamente á preparación da cea, Isabel Blanco, a ‘super comandante’ do programa, encargarase de asesorar á sorprendida de como arranxarse para a ocasión, sen darlle pistas sobre o convidado pero adiantándolle que será alguén a quen admira dende hai tempo.

Nesta ocasión, o ‘Comando Chef’ conta coa colaboración de Israel Pita, un dos concursantes da primeira edición de ‘Gran Hermano’, agora tamén coñecido polas súas colaboracións en programas televisivos, como ‘Acompáñanos’, de Piñeiro. ‘O programa paréceme moi boa idea pola súa orixinalidade, é novidoso en Galicia aínda que xa se fixo noutros sitios’, explica Israel Pita. ‘Permite a persoas anónimas a posibilidade de vivir unha experiencia singular e a oportunidade de cear, na súa propia casa, con alguén que admiran’, engade.

‘Moi grato’

Israel Pita, natural de Ourense, asegura que, no seu caso, tocoulle unha anfitriona moi ‘agradable’, que reaccionou moi ben a iso de ‘asaltar’ a súa casa. Pese ao risco de falta de sintonía, neste caso, como é habitual en ‘Comando Chef’, ‘a muller reaccionou moi ben, foi unha cea moi grata, das de verdade’, sostén Pita.

Tras un novo reto superado, o programa da TVG regresará o próximo xoves. Nesa ocasión, será o ex futbolista Patxi Salinas o encargado de sorprender a unha galega despois de que o ‘comando’ se presente na súa casa disposto a elaborar un menú en 60 minutos.


Te puede interesar