Moda

A moda ten raíces

2020020709030648240
photo_camera A natureza do Xurés protagoniza a nova colección de Tegus.
Benito Pereira é o fundador de Tegus, unha marca que aposta pola exclusividade, o deseño e a calidade con prendas confeccionadas en España e Portugal. para o próximo inverno, acaban de lanzar dúas prendas coa natureza do Xurés como protagonista

Como xorde esta colección sobre a natureza do Xurés?

Eu son moi de pobo, moi da zona e gústame tirar pola zona da Baixa Limia e a Terra de Celanova. Para min é unha zona única e o lirio do Xurés destaca como unha especie endémica de alí. A través da firma, fixemos unha sudadera e un vestido para dar a coñecer a zona a nivel de España, Portugal, Dubai e Tokio, que é onde vendemos. Están funcionando moi ben, sobre todo o vestido, e cómprano como unha prenda máis. Cando a xente o leve posto, na retina de quen o vexa vai quedar o parque do Xurés. A idea é facerlle unha homenaxe á terra que tanto quero. 

Como é o proceso de venda de Tegus?

A firma véndese nun nivel medio alto. Sempre vendemos na primeira ou na segunda mellor tenda de cada cidade. Facemos unha roupa moi innovadora, con moitísima calidade, moi traballada confeccionada entre Galicia e Portugal, os vestidos son italianos. Diferenciámonos nos, nacemos en plena crise e funcionamos ben con estes prezos. Temos un bo crecemento. As nosas prendas vístenas personaxes famosos, actrices, políticas... Acabamos de firmar un contrato cun programa de televisión para que durante dous anos vistan de Tegus. Agora estamos presentando a colección do próximo inverno e, por primeira vez, acabamos de lanzar unha colección para home e está funcionando ben. 

Despois destes anos, contan cun público definido?

Si. As tendas que nos compran son de primeiro nivel de cada cidade. O noso público é moi moderno e avanzado. Cando ofreces un producto caro a unha tenda, tes que aportar algo distinto e nós aportamos un deseño innovador. Imos un paso máis alá e está funcionando moi ben. Agora imos abrir a primeira franquicia en Almendralejo, que vai funcionar como a primeira tenda exclusiva de Tegus. 

Cal é a filosofía de tegus como marca?

Temos un público xove, con valor adquisitivo alto. Son prendas que podes empregar tranquilamente durante tres temporadas. Como imos un pouco avanzados a nivel de tendencias, non pasan de moda rápido. Estanos copiando moita xente. Por iso, non publicamos fotos ata que non chega o producto ás tendas. Dentro da filosofía da empresa tamén está o feito de que non vendemos online, porque nos parece unha forma de matar as tendas. 

A nivel estético, cal é a liña que seguen?

Moi innovadora. Somos os primeiros que empezamos a poñer pedrería nos vestidos, tachuelas, cristais... Distinguímonos por ofrecer prendas moi distintas.

Aparte de en España e Portugal, venden tamén en Tokio e Dubai. Hai moita diferencia na forma de vivir a moda en cada un dos países?

Si, hai diferencia. En Dubai hai dous sectores: un moi pobre e outro moi rico que quere diferenciarse. Incluso para cada tenda temos que poñerlle algo engadido ás prendas, algo exclusivo. Nós damos exclusividade cada 30 kilómetros. 

Dende a súa perspectiva, como ven a situación actual da industria da moda?

Dise que hai crise, pero o que ten calidade e aporta algo distinto ó que hai no mercado, iso sempre vai funcionar. A moda vai cambiando, a xente nova quere cousas diferentes e os que pasamos os 50 queremos vestir moderno, non coma os nosos pais. A moda está cambiando nese sentido. Agora non impera tanto a firma coma o producto. 

A nivel empresarial, naceron en plena crise económica. Foi moi complicado facerse un oco?

Non foi tan complicado facerse un oco como a inversión. Non recibimos un euro, a pesar de pedilo, de ningunha institución, cuando firmas consolidadas que desapareceron, como Caramelo, recibiron millóns. Por que ós novos talentos e ás novas firmas non nos axudan? Por iso non foi tanto consolidar a firma como conseguir financiación, porque lanzar unha colección é carísimo. Tódolos anos na Madrid Fashion Week hai unha pasarela que se chama Ego para novos talentos e alí ten desfilado algún galego do que depois nunca máis se sabe nada. Fáltalles o respaldo económico e iso é unha verdadeira pena. Séguese financiando ó xurásico, que son os que van desaparecer dentro dun par de anos e non se aposta polos novos talentos. 

Te puede interesar