LA REVISTA

Back to black, Amy

amy_result
photo_camera amy Winehouse

Un docudrama de Asif Kapadia sobre a vida-morte (aos vintesete anos) daquela muller que non se quixo render ao “pop”, por definición espumoso e aínda carbonatado, senón cantar en clave “jazz”

Hai películas das que aínda sabendo o remate fan que fiquemos atados á butaca cal se fosen cabestrantes os nosos vencellos. Finais que podemos contar, por archisabidos, sen ser acusados de “spoilers”. Así o de Amy, de Asif Kapadia, un docudrama sobre a vida-morte (aos vintesete anos) daquela muller que non se quixo render ao “pop”, por definición espumoso e aínda carbonatado, senón cantar en clave “jazz”, seguindo os pasos (Tony Bennett “dixit”) de Ella Fitzgerald e Billie Holiday. Por iso, porque quixo ser ela mesma, a muller branca que cantaba con voz de negra, e titulara o seu éxito meirande, “Back to Black”, algo así como “Volta á escuridade”, por máis que literalmente sexa “Volta ao negro”.

Amy Winehouse, miñaxoia, cativa xudea que medra co síndrome da ausencia paterna. Un pai ao que adoraba e acabará volvendo cando Amy Winehouse sexa denominación de orixe. Un pai que se reivindica neste docudrama, tan pouco morboso que mesmo molifica as imaxes do derradeiro concerto de Amy en Belgrado. Aquel no que saeu ¿cantar? espantosamente peneque e o público, cruel, apupa e Amy, chorando, corre refuxiarse nos brazos do guitarrista grande (e negro, por certo) porque non dá entendido nada.

Es a vida de Amy Winehouse, un “malentendu” que fai que se namore dun rufián chamado Blake Fielder Civil, con quen casa, seu cómplice nas adiccións máis extremas, mesmo a dun certo sadomasoquismo que fai da parella un relato dun “dirty realism” radical. Un malentendido que, logo dunha “Rehab”, outra canción grande, vai levala o día aquel do verán de 2011, un día con raiolas para desasombrar as peles británicas leitosas, en contraste coa melena leonina e negra de Amy Winehouse; día de hamacas em Hyde Park, camiño da morgue logo da inxesta de tal cantidade de vodka como para deixar peneque a un reximento. 

O de menos, se cadra, o de máis un talento extra queimado polo lume da prensa marela, dos humoristas malignos, dos proxenetas como o tal Fielder Civil. Un poema de amor triste, como adoitan selo todos, unha volta á escuridade brutísima. En Candem ou en calquera outro lugar. Asif Kapadia sabe contalo moi ben. Para poñernos tensos na bica do cinema, aínda sabendo xa o remate. Fatal de necesidade. Moito.

Te puede interesar