La Región

LO VEO...

Brétemas: A moda é personalidade

Rosiña é a responsable de brétemas, un estudo de deseño gráfico emprazado en ribadavia que elabora camisetas nas que a filosofía popular galega é a gran protagonista
Brétemas: A moda é personalidade

Como naceu a marca? 

Unha das ideas que eu tiña na cabeza era ter unha tenda en Ribadavia, en pleno corazón do Ribeiro, con cousas de pequenos artesáns galegos e tamén viños do Ribeiro seleccionados, e ademais, facer postais, camisetas e sacas de tea máis orientadas ao turismo, xa que vía que aquí non había nada. Eu cando viaxo ou vou a Portugal, gústame traer camisetas de souvenir bonitas, que se poñan pola rúa. Cando me despediron da empresa textil na que traballaba como deseñadora gráfica e fotógrafa, vin a oportunidade e montei Brétemas. Compaxinando a tenda co meu traballo como fotógrafa e deseñadora, e cada vez máis orientando a marca cara deseños propios de prendas e sacas de tea. Ata que, por motivos laborais e de incompatibilidade de horarios, tiven que pechar a tenda física e abrir a venta online.

Cal é a túa filosofía como marca respecto á moda? 

A moda debe ser atemporal, de cercanía, ética e duradeira con produtos de calidade. A mín persoalmente, se unha camiseta me gusta, úsoa ata que se gaste e rompa. As camisetas das grandes cadeas só che duran unha tempada. Eu aínda conservo prendas de hai 20 anos, que non poño porque non me sirven.

Empregas a cultura galega como base de moitos dos vosos deseños. como é o proceso de creación de cada un deles? 

Brétemas naceu en galego, foi pensada e imaxinada en galego. É a miña lingua, na que me expreso e me comunico. E co galego chegamos a moitísima xente e tamén ás persoas morriñentas, esas que emigraron do noso país. Brétemas só existe en galego. O proceso creativo xorde das nosas expresións habituais, da nosa linguaxe tan rica. A marca reflexa moito como eu son e alégrame ver que moita xente pensa coma min. A inspiración xorde do cotián. Dende un cabreo porque volvo ver na tele outro asasinato machista e penso: “Estou ata a cona, hai que deter esto xa”, acéndese a “bombilla” e pregúntolle a unhas amigas que opinan. Dinme que para adiante, que elas as comprarían. 

Os teus deseños remiten tamén a unha forma de entender a vida. quen son os teus clientes?

Sobre todo clientas. Ainda que hai moitas cousas unisex, eu penso que os homes, a maioría, non sería capaz de levar unha camiseta que poña “miña flor de toxo”. A maioría das rapazas clientas son de Galiza, galegofalantes e que compran as prendas para elas, porque se senten moi identificadas coa mensaxe que levan, tanto sexa un suadoiro de “riquiña” como outro de “viva e ceibe”.

As redes sociais, en que medida te teñen acompañado no proceso empresarial? 

Foi o gran escaparate. Ao estar nunha vila pequena, a clientela local é moi escasa, e ao contrario do que eu pensaba, o turismo non consume case nada, non gasta. Eu xa tiña experiencia levando redes sociais de outros proxectos, e dende o primeiro día tiven facebook e instagram. O twitter veu despois, pero como non se pode atender a todo ben, decidín deixalo. Deste xeito, había días que á tenda chegaba xente de Vigo, Ourense, Verín... porque seguían a Brétemas nas redes. E tamén a xente “emigrada”, no verán ou Nadal sempre viñan ou facían pedido. En instagram somos máis de 4.000, en facebook somos menos da metade. Instagram agora é a rede social “escaparate”. Cada día hai moitas consultas por privado sobre produtos e cómo comprar, e foi a gran lanzadeira para o éxito da marca.

Volvendo á moda, que papel xogan hoxe marcas con tanta personalidade como a túa fronte ós grandes imperios da moda? 

Pois iso mesmo: a personalidade. Hai moitas marcas galegas que eu tamén consumo que lanzan mensaxes nas súas prendas coas que nos identificamos moitísimo. Nos grandes imperios da moda podemos mercar uns vaqueiros, pero a camiseta que levemos coa mensaxe en galego, vainos diferenciar do resto. 

Dende a túa posición, como ves o panorama actual da industria? 

Agora é máis doado atopar este tipo de cousiñas, xa que hai moitas pequenas deseñadoras, que optan por facer este tipo de prendas. Por suposto, sobrevivir só con isto non é doado nin posible, eu adícome a outras cousas tamén, son autónoma. Ao final teño pouco tempo libre, pero disfruto co que fago e a alegría é inmensa cando a xente che dí que viu a túa saca de “Estou ata a cona” a moita xente, e que son un éxito. A “fast fashion” nunca vai deixar de existir, iso está claro, pero eu penso que cada vez máis se valora o noso pequeno traballo. Deseños persoais con prendas de calidade. Eu agora traballo case todo en algodón orgánico, o que fai que estas prendas teñan durabilidade. O serigrafiado tamén se fai a nivel local, nun pequeno taller no Ribeiro.

Por onde dirías que pasa o seu futuro? 

Hai que irse renovando, porque as cousas de sempre acaban aburrindo, entón seguirei dándolle á cabeza para sacar á venda máis prendas que nos identifiquen. Persoalmente a min gústame moito comprar en tendas físicas, pero a venda online tamén é o presente e o futuro das pequenas marcas que non podemos permitirnos ter un local propio.