Literatura

Camilo José Cela no purgatorio: "La colmena", un testemuño fiel da vida cotía do Madrid de 1943

Camilo José Cela.
photo_camera Camilo José Cela.

E algunhas novelas de CJC, “La colmena”, desde logo, mais tamén “San Camilo 1936” ou “Mazurca para dos muertos”, acadan esa categoría

Sábese: o escritor cando morre bota unha longa tempada no purgatorio, orfo de lectores, ao menos dos que o seguían maioritariamente. Acontece con Torrente, Saramago, Delibes (ben que o teatro recupera ou reaviva textos seus).

Comeza pasar con Javier Marías. Non con Almudena Grandes, por razóns estrictamente políticas (cal o rebautizo dunha estación de ferrocarril, que seguirá sendo Atocha, queirámolo ou non, eu, si); esta autora acabará tan esquecida como Gironella, ¿quen lembra hoxe aquel autor de “bestsellers” sobre a Guerra Civil? ¿E Cela, do que aínda aparecen manuscritos inéditos? Verdade relativa a do seu purgatorio. Si, en xeral, non en particular, poisque “La colmena” segue nos plans educativos. 

De maneira que volvín ler esta novela, espléndida, por mor de ter que explicala en 1º de Bach, Internacional. Obriga gozosa porque poucos libros aos que desfrute tanto volvendo como a este. Que Dos Passos, con “Manhattan Transfer”, estivera detrás, tanto me ten. Que a cultura da cancelación, se poidera, racharía as páxinas relativas a Pepe “El Astilla” ou a Suárez “La fotógrafa”, ou certas reflexións, claramente do narrador, verbo das mulleres, sen dúbida. Sorte que cos clásicos non hai quen poida.

Un xogo literario perfecto

E algunhas novelas de CJC, “La colmena”, desde logo, mais tamén “San Camilo 1936” ou “Mazurca para dos muertos”, acadan esa categoría. “La colmena”, valores socióloxicos á parte, quen desexe saber cousa foi a posguerra deberá botar man dela, é un xogo literario perfecto. Onde no seu carrusel entra e sae toda unha variedade de personaxes, con apenas dous epicentros, Doña Rosa, a dona do café, e Martín Marco. Doña Rosa, mal asunto, deses que medran na desgraza. Martín Marco, probable trasunto parcial do propio Cela. Martín Marco tan elíptico como o remate da novela; procuráno, sí, por razóns que podemos imaxinar.

A clave, no reencontro coa vella camarada da FUE, no momento álxido dunha novela épica pero apuntes ben líricos. Lembremos que Cela encentara a boroa literaria cun libro de poemas: “Pisando la luz del día”. Mágoa que tantas veces o escritor Cela veña superado por aquel personaxe de opereta bufa, o mangallón dos anos derradeiros con parella alcumada “Marina Mercante”. Contribución ao purgatorio. Si.

Te puede interesar