Canción do Canadá

"Leftlovers", o álbum debut da canadiense Lauren Spear Aka Le Ren, é un tapiz formado por cancións de alto contido persoal, dez cancións sólidamente asentadas sobre unha guitarra e o cristalino timbre da sua voz

Adoito botar man dos cantautores de antano, cada vez que o corpo me pide cantautoría para seguir o camiño. Cantautores, case, de cando o Gato con Botas e o Marqués de Carabás (non confundilo coa que araba en bicicleta). Cantautores de cando do Canadá viñan Joni Mitchell, Judy Collins ou Leonard Cohen. E andaba eu a cismar nas vellas glorias que seguen a arder no meu vello “picú” cando descubro que de Canadá vén de chegar un barco carregado de moi boas cancións. Un barco chamado “Leftovers” e que patronea (ou matronea) unha dona que responde na vida civil por Lauren Spear (nada en Bowen Island, Costa Oeste) por máis que na vida artística se chame Le Ren, e medrara en Montreal. Así que a voltas co seu disco recén, en tempos nos que o oersoal máis que de cedés ou vinilos bota man do pirateo do que se nutren os novos Drakes ou Benitos Sotos no baxel nominado non o “Temido” senón “Corsario Internet”. Eu en cambio merquei o cedé para escoitalo de vagar, en bucle, poñamos, sobre todo “Dyan”, a canción estrela, adicada por Le Ren á nai (como fixera a Bonet con “Merçé”).

E seguín, non vou enumerar todos os temas, algún “temazo”, con “The Day I Lose My Mind”, puro “country””, ou “I Already Love You”, moito de canción de berce “avant la lettre”, cun aquel de balada. Falaba de “country”, algo así en USA e Canadá como a copla de aquí, “ma non troppo”. O único que Le Ren, o seu prato tan sabedor, ten unhas zaragalladas a base de “bluegrass”, que é o xénero que a levara á canción de autor. Unha cantautora, pois, moderadamente triste, mais con cousas de alegría corporal, que a levan nos concertos a unha actitude xestual dinámica. Ou sexa que Le Ren vai contra os tópicos que ven aos cantautores como xente melancólica de máis, cando non abertamente pesados, sobre dos que ironizara Aute con aquel “¿qué me dices, cantautor de las narices, que me cantas con ese aire funeral?”. Sendo así que Le Ren, coa súa maneira tan sabedora, coas súas cancións ben arranxadas/ axeitadas, con esa voz fondamente aguda de quen está en reválida de soprano, mais sabe distinguir moi ben entre o que pide un “lieder” e unha canción lixeira (para entendernos), supera abondo o listón, calquera, de calidade. E fai revivir a Joni, Judy ou Leonard. ¡Ben!

Te puede interesar