CON TEXTO

Las chicas son guerreras

Eve, a protagonista, dá liscado por casualidade da traxedia, mais non da tentación de ollar para ela desde a distancia temporal.

Supoño que Russell (tan Charles Manson en puridade, e así todo canxa) nunca escoitara esta canción de Coz, dos primeiros oitenta, cando levaba unha decena de anos apodrecendo no cárcere. Nel segue, aínda que na novela que me ocupa non se diga. Unha novela na que non fai falla dicir o consabido “calquera semellanza coa realidade é pura coincidencia”. E non é preciso por obvio, porque aquí a única casualidade, o único chou ou azar, é que unha cativiña de catorce anos apareza no camiño do tribo –maiormente feminino- que regula un mangallón, músico frustrado, que andivera un chisco pola periferia de The Beach Boys, e ama aos Beatles tanto como para bautizar un proxecto mortífero (coas rapazas como executoras) co nome de Helter-Skelter, esa canción escrita por Paul Mc Cartney, para que os que non saben da misa a media digan que Macca era o “soft” do grupo.

Esa cativa, invención (“ma non troppo”) de Emma Cline, artífice dunha novela a rolar/ rular xa por todo o mundo, será quen, xa en idade madura, transmita retrospectivamente, cíe no mar da lembranza, á procura de quen era, do como e onde e o por que. Ou de cómo unha rapariga de boa familia, tan solitaria como nunha canción de Simon&Garunkel ou en Eleanor Rigby do propio Paul Mc Cartney, camiña adiante ata bater cunha caterva de friquis dirixidos por un suxeito tan amoral como seductor. Será a ollada desa cativa a que nos permita ollar para un panorama desolador no deserto de California, arrodeada dunhas mulleres tan alucinadas como guerreiras, que baterán con facas nos corpos inofensivos como se estes fosen maniquís. (Isto non se di na novela mais Susan Atkins matou así a Sharon Tate).

Acontece que Emma Cline fai o favor de aforrarnos estes datos, polo demais presentes en internet o unas hemerotecas. O seu é o dominio da elipse. Grande como a desgraza de bater con sicópatas cando á penas tes entrado na pubertade. Eve, a protagonista, dá liscado por casualidade da traxedia, mais non da tentación de ollar para ela desde a distancia temporal. Tampouco de contala. ¿Ela, Emma Cline, millonaria xa en ventas e anticipos de ventas? Non importa. O que interesa é que estamos diante dunha novela que enguedella desde as primeiras páxinas. Tal cal.

Te puede interesar