LITERATURA

Cousa do demo

A condición (física e artística) na que se atopa Paul Mc Cartney,  baixista de The Beatles, e tanguedor de guitarra e ukelele, organista, pianista e intérprete de harmónica, tal como vimos de velo, e escoitalo, a noite do 2 de xuño, no seu único concerto español da xira “One to One”. A cousa foi no Estadio Vicente Calderón, a rebosar (fálase de corenta mil espectadores, de tres xeracións diferentes), nun tempo de case tres horas, sen interrupción ningunha.

E Macca a desenguedellar un repertorio propio. Sempre, porque as cancións de The Beatles que nel leva son todas súas, porque aquilo de Lennon&Mc Cartney non pasaba de ser unha firma comercial, onde cadaquén facía o que lle petaba, por máis que ás veces saltase o milagre e haxa cancións escritas conxuntamente (as menos).

Así e todo, e malia a xenreira mutua, que levou a Lennon adicar a Paul unha sátira, moi competente, chamada How do you sleep?, Macca foi quen de escribirlle unha balada, chea de saudades, titulada Here today, cantada no Calderón. A seu “amigo”, John. Certo que para George os calificativos foron de “amigo e irmán”, introductorios a esa fermosísima canción harrisoniana, Something. E para que nada faltase, nun alarde de xenerosidade, Paul deu paso co órgano electrónico a Give peace a chance, Lennon purísimo. O resto, xa digo, os Beatles de Paul Mc Cartney e el mesmo, vía Wings o a través súa. Tan directo como o ceo de Madrid a esas horas en que o lusco-fusco dá paso á noite.

Tan entregadísimo que os setenta e catro anos deste pavo trufada semellan nada Semellan cousa do demo ou, se cadra, trasno que debe de habitar nel. O demo da arte absoluta que se volveu despregar en Madrid, ao son  da foguetería que estoupaba ao cantar Paul Live or let die. Logo viría Yesterday, se cadra a canción de amor máis fermosa de nunca (ou sexa, sempre). E logo saíamos do Calderón, melancólicos, polo Paseo de los Melancóliccos. Pensando con mágoa en que a este estadio tan só lle queda un ano de existencia. O mesmo estadio onde víramos o 7 de xullo de 1982 a The Rolling Stones. A noite aquela na que a caloraza derivara en chuvia. Agora non, agás a propiciada pola música de Paul Mc Catrney, este nachiño de Liverpool, este demo ambulante. Que nos dure moitos anos.

Te puede interesar