RABO DE NUBE

Elegante Javier Krahe

Federico de Haro reconstrue a vida e a carreira de Javier Krahe, o bardo máis irreverente e inclasificable da canción española

No mundo cantautoril, no que tiven ocasión de estar, como membro do grupo aquel “Voces Ceibes”, ao tempo que pasa o tempo menos feito artístico que político, pouca xente tratei como este cabaleiro (sen cabalo, no senso lato, nin guitarra, que lla afastara, por mal tanguedor dela, Javier López de Guereña): acratón, brasseniano, retranqueiro, inimigo de todos os poderes (tamén do PSOE sempiterno, entre 1982 e 1993, que o boicoteara nos concellos ao seu dispor). Trateino ao paso, como a seu irmán Jorge, a partillar escenarios coa primeira (e pesada) Rosa León, nos concertos aqueles do Bourbon, de Diego de León, aos que eu chegara con Bibiano de pianista. 

Ora, daquela Javier Krahe estaba aínda en Canadá. Previo ao seu xermolar en La Mandrágora, con Sabina e Alberto Pérez, e hai mítico disco, que como tal por aí segue rolando e, o máis bonito, vendéndose. A partir disto, tamén do programa aquel de Tola, que o propulsara, Krahe non parou, el, tan lacazán, que pasaba do sofá ao leito, e viceversa, con paradas no fumeque, no güisqui e -desde logo- nas actuacións en directo, moitas delas en Boiro, en A Pousada das Ánimas, onde unha estatua en bronce lembra a quen alí cantara unha chea de veces (tamén a derradeira). Krahe, nacera en Madrid (1944), morreu en Zahara de los Atunes (2015), ten xa un biógrafo e glosador fiable, el, que se fiaba pouco dos que non vivisen a vida tal como vén: Federico de Haro. Quen nos conta as maneiras de vivir deste diletante, que fixo da ironía “en solfa”, un mester de vivir, e deixou detrás súa cancións propias, “La hoguera”, alleas, versión fabulosa a que fai da “Marinette” de Georges Brassens ou coasinadas con Jorge Krahe: esa minixoia que se chama “Nos ocupamos del mar” (existe unha versión boísima de Fito&Fitipaldis). 

Hai moitas máis, desde logo, pero con estas tres abonda para saber por onde van os tiros deste cantautor que nunca malgastara os seus “carchutos” (sic). Porque, xa se sabe, “yo lo que tiene importancia/ ella todo lo importante”. Así, dividindo ou partillando tarefas. Para que ninguén se amoque. Deixando vivir a todos. Como facía este señor, letrista como moi poucos. Músico a tempo parcial nun verán permanente. En Zahara, ocupándose do mar.

Te puede interesar