Emilio Coco, "El tiempo de emprender el camino"

O novo libro de Emilio Coco, poeta de lugares e artefactos. Máis aínda que o poeta camiñe absorto en pensamentos tristes e o verbo que campea no título aluda a outra clase de camiñar, este libre non é en absoluto elexíaco

Que “El tiempo pasa, nos vamos haciendo viejos” ben o  sabía Pablo Milanés, quen lá se nos foi despois dun cantar ben glorioso, no que formaba corpo tan memorable canción. Que envellecemos, e presta moito poder facelo sen dimitir en exceso, é algo tan obvio, cal o feito de morrer, que pretender evitalo xa dixera Jorge Manrique en verso de recordo inmorredoiro, este si, “es locura”. Por aí, por eses eidos o último libro dun grande poeta italiano chamado Emilio Coco. Poeta e hispanista, en posesión da encomenda da orde civil de Alfonso X El Sabio.

Rei este, por certo, poeta en galego, cando a nosa lingua era a “de cultura”, tomen nota quen a minguan ou desprezan. Coco, en fin, é traductor case que ao infinito de poetas dos nosos arredores e tamén dos propìos. Con tanta xenerosidade e adicación que non deixo de pensar en como tirou tempo para deixarnos obra de seu. Nada de urxencia e si moi considerable. E diante miña teño estes días o último libro deste autor, nado en San Marco in Lamis, Foggia, Italia, en 1940. Xa choveu desde aquela, entre outras cousas unha vida entregada á literatura, cal a que Emilio Coco fai revivir nos seus poemas.

Literatura combinada co feito de vivir con sensualidade, con xeito case epicúreo, e dou testemuña da vitalidade de Coco, apelido que vén do itálico “cuoco”, isto é, cociñeiro (antes que frade, naturalmente) con que cadrei en congresos e saraos, en tempos ben proveitosos. Todo o cal se reflicte nin libro que ten moito de “farewell to all that”. Pero, non. Que coñecendo a este poeta, antólogo e mil cousas máis que poderíamos dicir del, non termina de cadrarme a palabra derradeiro. Deixémolo en último, si. Traducido ao español en edición fermosa e bilingüe, Emilio Coco baixa a Deus ao seu mundo, conmovido e alporizado coa desfeita do seu contorno. E artella un maldicir tan opíparo como a saudade e a morriña, que vén de morrer, lástima fora, por ter que deixar unha existencia tan plena como a que Emilio Coco levou, e segue a levar por certo. Que hai cousas coas que non se xoga. Traduciron os poemas deste libro Marco Antonio Campos e Lucía Coco di Carolis. Cunha fidelidade que non evita a música dun poeta atento aos cinco sentidiños. Nótase neste testamento. Han vir outros.

Te puede interesar