Rabo de nube

Episodios nacionales

almudena
“La madre de Frankenstein” é o apaixonante relato dunha muller e un home que optaron por resistir nos tempos máis difíciles. A novela máis intensa e emotiva do ciclo dos Episodios dunha Guerra Interminable.

O éxito de Almudena Grandes é comparable ao de Joaquín Sabina. Pois que ambos teñen un público moi amplo que abarca seitores ideolóxicos alleos ao seu sentir. Algo semellante ao que acontecía con Pérez Galdós, o centenario da súa morte este 2020. E a referencia ao canario non é de balde tratándose de Grandes, quen non soamente cita a Galdós, ben que vía Cernuda, no arranque da súa última novela, senón que se chama del, directa ou indirectamente, nese esforzo monumental que son os “episodios de una guerra interminable”. Que vexo, xa digo, en mans do máis diversas. Nas miñas, tamén, atraguido desta volta pola presencia en “La madre de Frankenstein”, de Aurora Rodríguez Carballeira, infame asasina ferrolá, a quen sorprendentemente hai quen reivindica, “sotto voce”, desde logo, por coidar no “feminismo” da muller que cría unha cativa, Hildegart, para desfacerse dela cando ve que o “monstro” que ideara non fai senón afastarse dela. ¡Que boa tiña de ser a dona! 

Ao redor dela, posguerra española, entrados xa nos anos cincuenta, toda unha chea de personaxes, recontados no índice onomástico-explicativo, cun siquiatra que fuxira nun dos barcos que deran liscado no Alicante da primavera de 1939, cando para os republicanos comezara un longo inverno. Asi as cousas este home, Germán, bate en Ciempozuelos con Aurora, ou o que dela ficaba, e cunha auxiliar de enfermería, asistente (ou cousa semellante) da nai de Hildegart. Da que sabemos máis do que nos contaran Arrabal, De Guzmán, Llarch ou “tutti quanti” -moitos-  teñen falado do choio grazas ao expedente de Aurora co que batera en Ciempozuelos, outro siquiatra, Rendueles. Moi útil para Grandes, cal confesa esta paladinamente nas fontes das que beberá. 

E agora quero dicir que Almudena Grandes, igual que seu mestre, Don  Benito, emprega a historia non como fin senón como medio. Caso contrario o seu sería ir directamente ao manancial que surte ao novelista. Mais o certo é que Almudena cría atmósferas, personaxes de credibilidade, ao tempo que contextualiza con xeito e maneiras o tempo aquel tan ruín onde o euxenésico Vallejo Nágera e o curador de gais, López Ibor, mandaban na siquiatría dun país que tiña un aquel de frenopático.

Te puede interesar