RABO DE NUBE

Ferruxe e ouro

Acontece que Dylan, tanto neste disco como no anterior (producidos por un nachiño chamado Jack Frost, non outro que o de Duluth, Minnesota), o que fai é cantar temas do repertorio de Sinatra

Hai que ser Bob Dylan, pero que moito Bob Dylan, para facer de “crooner”, a estas alturas da película sen que se lle caian os aneis. Nin a el nin aos seus seguidores entre nos que me inclúo, dylanita convicto e confeso. Acontece que Dylan, tanto neste disco como no anterior (producidos por un nachiño chamado Jack Frost, non outro que o de Duluth, Minnesota), o que fai é cantar temas do repertorio de Sinatra, agás –para o caso- “Skylark”. Isto non quere dicir nada; Frank Sinatra é moi admirable, o cantante que mellor vocaliza, o que saborea as cancións con máis padal, mais veño de lle escoitar unha versión de “Yesterday”, terrible de puro xarope que leva incorporada, empalagosa, pois. 

Non é o caso de Fallen Angels, a última fazaña de Dylan, onde non hai sucre (tampouco sacarina) por lado ningún. Senón un conxunto de boísimas cancións, arranxadas en clave de jazz e country (mais non de country-jazz, outra cousa), para que as interpreten os músicos que van últimamente con Bob Dylan (un home a quen acompañaran Al Kooper, Robbie Robertson, Mark Knopfler ou Mick Taylor, en viaxes anteriores, e iso sen contar aos que tocaron con el en directo, Eric Clapton, por exemplo, ou naquela banda fantástica que se chamara The Travelin Wilburys, con xente como George Harrison, entre outros). Ou sexa que estamos a falar do melloriño do rock. E por aí comezara Dylan nos días dos xazmíns adolescentes en Hibbing. Combinado con estes temas “standard” que agora reaparecen, ouro puro na voz de Dylan, que se nunca foi grande cousa agora é ferruxe en estado de ignición. E é cousa de comprobar como agora as cancións do vello Dylan teñen a cousa de que se poden bailar. Nunha “boite” ou “parrilla”. Pódense bailar pegados ou amarradps, o que confirma que Bob Dylan é quen de facer todo e de todo. Mesmo de nos poñer a danzar. A dylanitas (que somos moitísimos, por iso a capacidade de convocatoria do noso héroe) e vencellados (todo un exército, igualmenre, visible nos concertos de dylaniáns). Un disco, pois, moi recomendable, para case todos. Agora que se cumpren (cumpríronse o 16 de maio) os cincuenta anos de Blonde on Blonde, se cadra (e xunto a Pet Sounds, Beach Boys e Sargeant Pepopér´s, Beatles) o cumio do rock ecléctico.

Te puede interesar