Luar na lubre, na encrucillada

Tras trinta e oito anos de historia, o grupo fai balance do seu percorrido musical no seu vixésimo disco co que están a facer unha xira de concertos por toda España

O nacemento de Luar na lubre produciuse nunha época de eclosión da música folk en Galicia, coincidindo en parte co nacemento da TVG que foi unha grande plataforma de difusión, ademais dos festivais existentes naquel momento de música celta en Vigo, Moaña o máis veterano de todos, en Ortigueira. “No ano 1986 botamos a andar esta historia que nun primeiro momento estaba pensada dunha maneira amateur e lúdica e logo foise convertendo nalgo máis serio e finalmente tomou un cariz profesional”, lembra Bieito Romero. Hoxe, completamente consolidados como un dos grupos de referencia da música en Galicia tamén teñen unha importante proxección internacional.

O grupo está integrado por oito membros fixos no escenario: Bieito Romero toca gaitas, acordeón e zanfona, Nuria Naya ao violín, Patxi Bermúdez, tambor, bodhran e djimbek; Pedro Valero na guitarra acústica, Xavier Ferreiro ocúpase das percusións latinas e efectos, Xan Cerqueiro, flautas, Brais Maceiras ao acorderón e Irma Macías pon a voz. Bieito Romero fillo tamén acompaña en ocasións ao grupo que conta ademais cun equipo técnico formado por entre catro e cinco integrantes.

Se o éxito en Galicia leva aparellado dende hai moitos anos un cheo total nos seus concertos, Bieito Romero síntese especialmente orgulloso do público que abarrota os locais nos que actúan na meirande parte das cidades do resto de España. “Un dos grandes valores que temos e que gañamos un público fóra de Galicia moi importante, de seguidores moi fieis da nosa música e que son os que manteñen unha proposta como a nosa”.

Mike Oldfield

O vínculo con Mike Oldfield, que comezou a partir dun tema composto por Bieito Romero “O son do ar” que o músico e compositor británico incluiría no seu álbum “Voyager” co título “Son of de sun”. Froito desa colaboración Oldfield invitou ao grupo galego a participar na súa xira de 1999  “Then & Now”, con 14 concertos por diferentes cidades españolas que remataría cun peche de xira na praia de Santa Cristina, en A Coruña, con Mike Oldfiel, The Coors e Luar na lubre o 31 de xullo de 1999, con máis de 150.000 espectadores. “Aquela fora una xira na que tocáramos en lugares emblemáticos como a praza de toros de Mallorca, os xardíns do palacio de Sant Jordi... sempre con moita xente pero o peche en Santa Cristina fora espectacular”, lembra Bieito Romero.

Un dos sinais de identidade de Luar na lubre no aspecto máis creativo e o desenvolvemento de discos conceptuais que van máis aló dunha colección de temas musicais e se estruturan ao redor dun tema. “Aínda que tamén temos discos recopilatorios, o carácter conceptual é o que domina ao longo da nosa carreira. Discos dedicados a temas específicos como a emigración galega en América, a lírica medieval galaico portuguesa ou o máis recente, anterior a Encrucillada, que foi “Vieiras e vieiros, historias de peregrinos” que está dedicado aos camiños a Compostela. Detrás de cada un deses discos hai unha narrativa, hai unha historia e iso é algo que ademais gusta moito ao público que nos sigue”.

Ribeira Sacra

Bieito Romero (A Coruña, 1964) é fillo adoptivo de Esgos, un título que non resulta casual. “Toda a miña familia, tanto por parte de nai como de pai eran de aí, de Esgos, Maceda, Xunqueira, todo da parte ourensá da Ribeira Sacra”, sinala. Ese vínculo foi o que o animou a crear un álbum dedicado á Ribeira Sacra. “Inicialmente ía a ser a toda a Ribeira Sacra. Pero trátase dun territorio tan extenso que, finalmente fixemos un disco específico dedicado á parte ourensá da Ribeira Sacra. Empezamos a percorrer todo aquel territorio, recollendo música, historias que foron as que dimos forma no disco. E funcionou dun xeito espectacular, especialmente cando saíamos fóra de Galicia e contábamos as historias sobre o canón do Sil, a viticultura heroica, o lobishome... o público alucinaba. Tanto que se vendeu moitísimo o disco nun tempo no que xa a penas se vendían discos”.

"Encrucillada"

O disco que alimenta a xira actual de Luar na lubre, “Encrucillada” é un recopilatorio de composicións que xa forman parte da historia musical do grupo. “Non é un disco de grandes éxitos. En ese sentido non estamos diante dun recopilatorio ao uso no que se collen as mellores canción ou os grandes éxitos”, aclara Romero. “Queríamos que ao ser o traballo número vinte englobase toda a traxectoria nosa pero non dende a perspectiva das cancións máis coñecidas como pode ser “O son do ar”, “Gitana”, “Chove en Santiago”, “Camariñas”, que son as cancións que todo o mundo coñece e que tes que ter no repertorio obrigatoriamente. Ningunha de esas está. O que fixemos foi coller cancións que teñen un significado especial na nosa traxectoria e volvímolas a grabar coa formación actual, a remasterizar, respectando a estructura orixinal da canción pero anovada, cun son actual”.

O título do disco non é casualidade, tal como explica o fundador do grupo. “Puxémoslle encrucillada porque é onde dous ou máis camiños se cruzan e en este sentido quixemos volver a encontrarnos con xente que estivo no pasado en Luar na lubre. E así participa Rosa Cedrón e todas as cantantes que tivo o grupo ao longo destes anos e hai moitísima xente participando neste traballo e hai unha canción especial que nos encargou Pablo Milanés no ano 2009, unha canción dedicada ao Camiño de Santiago e que el dedicara a súa compañeira Nancy Pérez, que agora fixemos cos nosos arranxos e a súa voz. Son en total catorce cancións, con máis de cento cincuenta colaboracións o que fai de este un disco moi diferente. Un disco libro, como xa ven sendo habitual en nós. No libro, vai unha cronoloxía da historia do grupo, moi comprimida, porque son moitos anos e o libro ten duascentas páxinas. Inclúe fotografías, carteis, algúns textos que nós preparamos e lle pedimos a máis de 50 persoas do mundo da cultura, do periodismo da música, fundamentalmente galegas pero tamén hai de ámbito nacional e internacional que escribiron uns breves textos nos que falan de nós, como nos coñeceron, etcétera”.

Con dous discos de ouro e máis de 350.000 discos vendidos, Luar na lubre foi testemuña da evolución tecnolóxica no consumo musical. O propio Bieito Romero, cunha colección de máis de tres mil vinilos e máis de dez mil CD recoñéceo. “Cando nós comezamos, os primeiros discos que sacamos ao mercado saíron en vinilo e casete. Logo viñeron os CD. Para min foi un trauma porque eu son coleccionista de vinilos. Foi un cambio que non me gustou pero te adaptas. Pero agora aparece o streaming, as plataformas, o CD desaparece e incluso considérase un estorbo e os coches xa non teñen lectores de CD e se queres mercar un lector de CD xa non hai nas tendas. Nese sentido estamos nese punto intermedio de tomar decisións nesa encrucillada de decidir que facer a partir de agora porque a nosa discografía xa está totalmente esgotada. Tomaremos decisións en función do tempo que estamos a vivir, malia que non descarte editar algún vinilo pero sería anecdótico.  Hai que ir polo lado no que se están movendo hoxe as cousas”. A presencia nas plataformas abriu novos camiños para un grupo que nos vídeos que ten colgados de actuacións e de cancións en youtube suman xa millóns de visualizacións, malia que esa maior repercusión internacional non leve acompañado un maior éxito económico.

Os concertos seguen a ser o principal nexo de unión entre Luar na lubre e o seu público, como recoñece o propio Berto Romero. “Hoxe en día a venta de discos é algo moi residual e non so no noso caso. É algo que está sucedendo en todo o mundo a todo tipo de músicos e grupos. Sempre hai que ser optimistas e estar preparado para o que poda vir.”

Compositor, músico, profesor de música, fundador de Luar na Lubre, Bieito Romero tamén leva máis de dúas décadas divulgando as músicas do mundo, a través do seu programa “Un mundo de músicas”, que emite semanalmente en Radio Voz dende 2003, dando unha plataforma de difusión a músicas que non adoitan estar nos medios e nos programas de música de máis audiencia. “Si os medios de comunicación divulgasen estas músicas como outras mais comerciais estou seguro que moitas delas agora serían virales”.  

Te puede interesar