LA REVISTA

Orton non é tan só severo

lo-que-vio-el-mayordomo-joe-orton_result
photo_camera Cartel de "Lo que vio el mayordomo"

Por iso fun á estrea de Lo que vio el mayordomo, sobranceira  -e estraña- comedia de Orton, chea dun humor negro que non agacha a sátira dunha siquiatría que se agobia procurando sexualidade en todos os recantos

A morte de Joe Orton, agosto de 1967, a golpes de martelo propinados por quen fora seu amante, Halliway, máis a temática gai en tempos nada permisivos para o uranismo, que diría Cernuda, fai que riba del paire unha sombra máis que sombría. Non obstante o autor de Entertainingt Mr. Sloan, función teatral e película homónima, ten unha beira fresca, fresquiña moi precisa para estes días de comezo dun verán que se anuncia arrepiante. Ao menos para quen vivindo en Madrid estamos desexando liscar (con vento fresco, cara á Galicia costeira, por exemplo).     


Por iso fun á estrea de Lo que vio el mayordomo, sobranceira  -e estraña- comedia de Orton, chea dun humor negro que non agacha a sátira dunha siquiatría que se agobia procurando sexualidade en todos os recantos. Que si “ma non troppo”. Estraña, digo, porque nesta comedia non hai mordomo ningún senón alusión a aqueles maquinillos de principios do século (pasado), que deixaban ver imaxes en movemento. Eses trebellos chamábanse “o que viu o mordomo”. Por iso. Porque os mordomos, chamados nos tebeos aqueles Pascual, ignoro a causa, teñen fama de miróns (en Ferrol dicimos “espiatrucos”). E que esta comedia, homenaxe na súa posta actual a Tomás Gayo, xa morto, que fora quen a promovera, é a apoteose do “voyeurismo”, cun fondo de hospital siquiátrico, médicos ceibos, nifómanas, inxenuas e -inevitablemente- axentes da lei tolondris como pimpíns. Desfrutei moito da montaxe do Infanta Isabel, dirixida por Joe O´Curneen, cun elenco no que sobrancean Carmen Barrantes (Geraldine Barclay), Pep Munne (Dr. Prentice) e Luis Fernando Alvés (Dr. Rance). Alvés, desde a altura interpretativa que lle dá unha carreira privilexiada ( intérprete de Antonio Gala, Nilo Cruz, Carlos  Arniches, agora Orton, axiña, Aristófanes).

Cheguei ao Infanta Isabel, Barquillo, logo de cruzar por Chueca cangadiño de calores, pletórico este barrio en días de orgullo ou fachenda, que todo vale. E baixaba por Gravina, onde estaba o famoso e celiano burdel de Madame Teddy, pensando no ben que o tería pasado Joe Orton nestes días adicados a Urano, de non mediar aquel martelo fatídico que acabara cunha das grandes promesas do teatro británico. Que é dicir moito.

Te puede interesar