MÚSICA

Raiba: "Buscamos sobre todo difundir a nosa mensaxe e a nosa música"

raiba-entrevista-1-_result
photo_camera Raiba.

O Desnorte rock está xa consagrado coma un dos mellores festivais especializados en rock galego  

O Festival Desnorte Rock é un festival que celebra o vindeiro sábado dezaoito de xuño a súa segunda edición tras unha boa primeira entrega celebrada en agosto de 2015. Este ano o prezo da entrada será de 12 euros de forma anticipada en distintos puntos de venda como as oficinas de Correos, ou 15 euros na taquilla do festival con acampada incluída.

Esta edición contará ca presenza de sete grupos (un mais co ano pasado) e poderemos desfrutar da música de: Xenderal, Zënzar, Keltoi!, Liska!, Falperrys, Skarmento e Raiba. Esta última procede de Santiago de Compostela e é unha banda de metal en galego formada no ano 2009 e que chegará ao festival para presentar o seu último traballo, un EP titulado “Historias na pel”.

¿Cómo se forma o grupo? ¿Por qué ese nome?

O grupo estaba sen cantante no 2008. Ese ano Xavinho deixou de ser vocalista de Nao e  comezaron os contactos. Non foi até o 2009 cando empezamos en serio.  O nome inspírase no da activista banda californiana Rage Against The Machine. Escollemos a palabra RAIBA escrita así, por ser a empregada por Rosalía de Castro no seu poema "A Xustiza pola man".

O Primeiro concerto da banda foi na provincia de Ourense, ¿non?

Si, estreámonos o 11 de xullo do 2009 no festival Mesturasons’09 no concello de A Bola. En Ourense estamos como en casa. Xavinho vivíu no barrio das Lagoas moitos anos.

Faládenos do voso novo traballo; “Historias na pel”. ¿Qué aporta á vosa carreira? ¿Estades contentos co resultado?

É un importante paso, si. Distinto aos anteriores. Un EP cañeiro, melódico, máis maduro. Define ben o que  buscamos. A banda evoluciona e imos sorprender a moita xente.

¿Por qué regalades o disco en descarga de balde?

En Raiba buscamos sobre todo difundir a nosa mensaxe e a nosa música. Fan falla máis canles que difundan e poñan en valor a nosa música. Así que as bandas precisamos poñelo fácil.

¿Teremos vídeoclip de este novo disco?

Si, imos lanzar un vídeo con imaxes do recente concerto de presentación do álbum na sala Capitol de Santiago de Compostela.

O vindeiro sábado 18, estaredes no festival Desnorte Rock de A Gudiña. ¿Qué lle espera ao público que asista ao voso concerto?

O Desnorte Rock está xa consagrado coma un dos mellores festivais especializados en rock galego (pese a ser esta a súa segunda edición) e con bandas de primeiro nivel. Prepararemos algo especial.

Te puede interesar