Aberto o prazo para participar nun curso sobre poda e bodegas

itinerarios integrados Portas Abertas verín
photo_camera Un curso de poda de años pasados del CDR Portas Abertas.
Esta formación busca mellorar a empregabilidade dos participantes, ademais de ofrecer orientación laboral

O Centro de Desenvolvemento Rural (CDR)  Portas Abertas, a través das súas oficinas en Verín, comeza o ano cun novo programa de formación: “Poda da vide e traballos en bodegas”. Este curso ten unha duración de 30 horas e está destinado a persoas desempregadas, traballadoras, novas poboadoras do medio rural ou veciños interesados en emprendemento.

As inscricións para participar nesta formación, con duración de 30 horas, continúan abertas. Pero para realizar este curso e adquirir coñecementos sobre viticultura é preciso realizar sesións de orientación cos traballadores de Portas Abertas, “xa que se trata dun itinerario no que realizamos a análise da empregabilidade, o plan de traballo, a orientación laboral e o acompañamento no desenvolvemento de competencias para acceder ao traballo”, explica Lucía Aparicio, a orientadora de Portas Abertas.

Así, os participantes neste programa, baixo o nome Itinerarios Integrados contra a despoboación, adquirirán coñecementos sobre a poda da vide e o traballo nas propias bodegas, un sector en auxe na comarca de Monterrei.

Ademais, neste mesmo itinerario, que se prolongará tres meses tamén está dispoñible oura acción formativa sobre informática para o ámbito laboral, cunha duración de 25 horas. “A maiores tamén facemos unha formación en igualdade de oportunidades e sensibilización medioambiental para todas as persoas participantes”, engade Aparicio.

O CDR Portas Abertas de Verín organiza estas formacións de maneira gratuíta para os participantes. Os interesados poderán solicitar unha entrevista coa orientadora laboral no teléfono 988 98 95 08 ou no correo [email protected].

Te puede interesar