La Región

FORMACION

Albarellos acollerá un curso para manter viñedos sen herbicidas

a formación, para a que hai dispoñibles 100 prazas, abordará alternativas para o control da maleza

Albarellos acollerá un curso para manter viñedos sen herbicidas

A parroquia de Albarellos, en Monterrei, será a sede dun curso promovido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia -dependente da Consellería de Medio Rural-, no que se darán nocións para manter os solos dos viñedos sen empregar herbicidas. 

A xornada técnica, coa que tamén colaborará o propio Concello, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e a Fundación Juana de Vega, terá lugar o vindeiro venres, día 3 de maio, na Casa da Cultura de Albarellos. As inscricións, que xa están abertas, poderán realizarse a través do enderezo web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. 

Nesta formación abordaranse as técnicas de cultivo que permiten un menor uso de funxicidas, insecticidas e herbicidas, tendo en conta que as posibilidades de emprego dos mesmos son cada vez máis restritivas. 

Unha das alternativas que se plantexará durante a xornada para non ter que recurrir a eses elementos e poder controlar a maleza nos viñedos, será a implantación de cubertas vexetais, aínda que o seu tipo dependerá das características do solo e da calidade da uva esperada. Por este motivo, tamén se pretende dar a coñecer as propiedades de ámbolos dous factores mencionados. 

Os promotores da formación tamén explicarán de que xeito se debe levar a cabo unha adecuada fertilización do viñedo. 

A xornada de Albarellos está ideada para profesionais do sector como viticultores, adegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos distintos consellos reguladores, así como investigadores interesados nesta temática. Tamén poderá asistir o público en xeral. 

O prazo límite para inscribirse nesta actividade rematará o vindeiro dous de maio, e hai un centenar de prazas dispoñibles para os interesados.