Ana Pontón sostén en Verín o modelo do BNG: “É o futuro”

Ana Pontón e Diego Lourenzo con compañeiros do partido.
photo_camera Ana Pontón e Diego Lourenzo con compañeiros do partido.

Ana Pontón, portavoz nacional, apoiou a Diego Lourenzo, candidato á alcaldía de Verín, de quen destacou o seu “extraordinario” traballo no Goberno local “porque foi o BNG o auténtico motor de transformación de Verín”. A nacionalista puxo o foco nos proxectos desenvolvidos polo equipo verinés e asegurou que “o impulso definitivo de Verín virá co goberno encabezado polo BNG, é o futuro”.

Pola súa banda, Lourenzo comezou a súa intervención asegurando que “o BNG vai liderar o próximo goberno municipal”. O candidato afirmou ter a mellor candidatura: “Moi heteroxénea e formada por xente con ganas de traballar por Verín”, así como un proxecto “que é chave para construír o futuro de Verín”. No mitin tamén participaron os seus compañeiros Eugenio Quintas, Samanta Barreira e Emilia Somoza, concelleira de Cultura en Verín, que deixa a vila para sumarse ao proxecto nacionalista de Viana, como número dous. “Emilia foi o noso faro de luz na escuridade, deixa unha vila máis feliz e un pobo agradecido”, dixo Lourenzo no acto. 

A portavoz nacional do BNG tamén estivo en Allariz, onde arroupou á candidata á reelección, Cristina Cid. Pontón cualificou a vila alaricana como un “referente absoluto de calidade de vida, boa xestión transparencia e servizos públicos”. Pontón subliñou que se trata dun concello “sustentable e saudable, exemplo de dinamismo económico, social e cultural”; e destacou a capacidade de Cid, “que será sendo a mellor alcaldesa de Allariz despois do 28M”.

Te puede interesar