Sergas

O Centro de Saúde de Castrelo do Val manterá a atención "completa e exclusiva"

Centro saúde castrelo do val
photo_camera O Centro de Saúde de Castrelo do Val. (Foto: C.C.).
O grupo de goberno de Castrelo levará unha moción ao vindeiro pleno para pedir ao sergas o cambio da denominación do posto de médico "Castrelo-Verín"

Noa Presas, a deputada do BNG por Ourense no Parlamento, rexistrou iniciativas neste órgano sobre o coñecemento de que o "Sergas valora a posibilidade de reducir as horas de atención do centro de Saúde de Castrelo do Val e deixala presuntamente en 3 horas".

Ante esto, dende o Sergas aseguran que "o Centro de Saúde de Castrelo do Val oferta o seu horario completo de mañá habitual e non hai ningunha previsión de reducir o tempo de atención do seu facultativo".

Dende o BNG explican que "é a información que circula na localidade e  demandamos da Xunta de Galiza que comprometa o mantemento do servizo e garantice que se vai manter a atención sen reducir horas ou días de asistencia", ante o acontecido, e Noa Presas recalca que "non imos consentir que se reduza a atención horaria en Castrelo, xa que ten unha alta taxa de poboación avellentada".

Pola súa parte, o Concello de Castrelo do Val, ante as declaracións da deputada nacionalista, quixo comprobar que é o que estaba acontecendo no seu municipio, percatándose así de que a oferta do concurso de traslados que afecta á atención primaria en varios concellos da provincia, incluía o posto do médico de Castrelo xunto con Verín.

"Realizadas as indagacións oportunas, sospeitouse que se trataba dun posto compartido que afectaría aos dereitos sanitarios da veciñanza de Castrelo ao reducir a atención no centro de saúde", explican dende a casa consistorial, pero Vicente Gómez, alcalde do municipio, púxose en contacto coa xerencia da área sanitaria de Ourense para solventar o problema.

Esta mesma mañá, Gómez recibiu a resposta por escrito na que se asegura que, a pesar da denominación do posto, este seguirá sendo de xornada completa e atención exclusiva no Centro de Saúde de Castrelo do Val.

Moción para o vindeiro pleno

O grupo de goberno de Castrelo do Val vai levar unha moción ao vindeiro pleno na que se solicita que a Consellería de Sanidade asegure, "mediante o cambio de denominación se fose posible", que o posto ofertado se limita exclusivamente á xornada completa do médico do centro en Castrelo. 

Dende a casa consistorial aseguran que van a realizar todas as xestións que estean ao seu alcance para que "non se mingüe, de ningún xeito, a atención primaria que precisa un municipio que, ademais, acusa unha forte dispersión e avellentamento entre a súa poboación".

O rexedor municipal quixo destacar que "non se entenderían os criterios aplicados, xa que, se o posto pasase a ser compartido, suporía unha clara discriminación cara ao noso concello con respecto doutros", engadindo que "por iso levamos a moción, para que o Sergas retire a denominación na cal aparece Verín e evitar as sospeitas da veciñanza e asegurar a atención única".

Te puede interesar