O castro da Saceda é Ben de Interese Cultural

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a declaración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, do castro da Cidá de Saceda, no termo municipal de Cualedro.
O castro de Saceda emprázase nun outeiro sobresaínte sobre a chaira que o rodea, ao sur da serra do Larouco, nas penichairas entre a serra e a depresión de Verín, na conca do río Támega. Este xacemento ten gran valor monumental polas súas estruturas e reúne características morfolóxicas similares aos da comarca, ademais de ser aquel que proporcionou unha cronoloxía máis antiga dos estudados ata agora na zona.

O monumento da Cidá de Saceda abrangue unha área de 734.464 metros cadrados onde se engloban amplas calzadas enlousadas, cabanas pétreas, o sistema defensivo máis exterior como son as murallas e os foxos, e unha área de seguridade susceptible de emprazar outras non visibles en superficie.

Inclúe ademais os vestixios arqueolóxicos descubertos pola investigación e os espazos consubstanciais aos mesmos. O seu contorno de protección abrangue 422.830 metros cadrados seguindo criterios de visibilidade e visibilización da cidá.

Te puede interesar