La Región

CONCURSO

O certame de pintura rápida de Monterrei será o día 11 de maio

A organización repartirá preto de 1.000 euros en premios, e as obras serán expostas no hospital de peregrinos

O certame de pintura rápida de Monterrei será o día 11 de maio

O entorno da Acrópole de Monterrei acollerá o vindeiro día 11 de maio o segundo certame de Pintura rápida ao aire libre que organiza o propio Concello, en colaboración coa Deputación de Ourense. 

A organización repartirá preto de 1.000 euros en premios, que se dividirán en dúas categorías: Lenzo -o gañador percibirá 400 euros, o segundo clasificado, 200, e o terceiro, 100- e Debuxo rápido -o primeiro premiado gañará 100 euros, o segundo, 75, e o terceiro, 50-. 

Poderán presentarse a este certame todos aqueles artistas maiores de 16 anos -tanto profesionais, como afeccionados- que presenten as súas solicitudes antes do vindeiro 5 de maio. As inscricións terán un custo de cinco euros, no caso do Debuxo rápido, e de 15 euros, no caso da Pintura rápida. 

O tema obrigado será o entorno paisaxístico e monumental da Acrópole de Monterrei e as obras participantes serán expostas, dende o mes de xuño ata o mes de setembro, no Hospital de Peregrinos. As creacións non premiadas poderán venderse.