SEGURIDADE

O Concello porá persoal propio nas portas das escolas de Verín

Tamén instalarase unha protección na porta do centro Amaro Refojo, para evitar riscos na saída dos rapaces

O Concello de Verín anunciou onte que en breves datas porá en marcha unha batería de medidas encamiñadas a mellorar a seguridade dos alumnos tanto á entrada como á saída dos centros escolares. Fontes municipais sinalan que "non deixa de ser unha prioridade máxima para nós que non se vexa en perigo a integridade física dos nosos cativos, por iso que estamos a deseñar unha serie de actuacións nesa liña". 

A primeira medida será a construcción dunha protección metálica na porta de acceso do centro escolar Amaro Refojo, na rúa Irmáns Fernández Álvarez. Nese punto, amáis dos pequenos conflictos de mobilidade que se xeran nas horas de entrada ou saída, o risco de que algún rapaz saia de xeito incontrolado á rúa é evidente, algo que quere atallar o Concello. 

Ademáis, os servizos municipais confirmaron que persoal propio do consistorio colaborará na vixiancia e seguridade dos cativos, supondo unha colaboración extra a que xa prestan os efectivos da Policía Local. 

O colexio Amaro Refojo non será o único que se beneficie deste tipo de iniciativas. Dende o grupo de goberno local confirmouse que o María Inmaculada, na Avenida de Portugal, e o Princesa de España tamén se  verán complementados con este apoio municipal.

Te puede interesar