O Entroido de Laza organiza o concurso para elixir o seu cartel

O Entroido de Laza xa quenta motores de cara a súa celebración do vindeiro ano 2022, e para iso saca á luz o seu concurso para elixir o cartel promocional do Entroido 2022. Organizado pola Asociación EnLazados e a Comisión do Entroido, as bases para participar neste certame xa están dispoñibles para os interesados en presentar os seus traballos e a data límite para participar é o 19 de decembro.

Dende a organización destacan que o máis importante para participar é respetar as tradicións e os personaxes lazanos. Calquera obra que falte ao respeto a este Entroido ancestral será expulsada do concurso, pois como sinalan dende EnLazados, “non se aceptará ningunha obra que aldraxe o Entroido ou menosprece o seu valor, nin tampouco carteis que se mofen das súas costumes”. 

Ademais, como novidade este ano, calquera persoa que desexe participar -sexa ou non de Laza- poderá facelo, incluso presentando dúas obras. A técnica de participación é libre e un requisito fundamental é que a obra sexa inédita -nunca antes expostas- e que as imaxes que se empreguen sexan propias.

VOTO VECIÑAL

Tras a entrega dos carteis -no correo electrónico [email protected], exporanse para que os veciños poidan votar o que máis lle gusta -contando o seu voto un punto- e despois serán os membros da comisión os que elixan os seus favoritos. O resultado do concurso farase o día 1 de xaneiro de 2022 e o gañador levará un premio de 100 euros.

Así, EnLazados e a Comisión do Entroido -reorganizada este ano- xa están a traballar no que é a súa celebración estrela, o Entroido 2022, tras un ano no que os veciños tiveron que quedar na casa.

Te puede interesar