A estrada OU-113 en Laza reforzará a seguridade viaria

Laza_OU-113_PK_30+150_a_30+720_1
photo_camera Treito da estrada coincidente coa Vía da Prata en Laza.
A actuación contará cun investimento autonómico de máis de 48.500 euros

As obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-113, ao seu paso polo concello de Laza, xa se iniciaron estes días. A actuación coincide cun treito da Vía da Prata, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos. 

Os traballos da Xunta de Galicia, que se desenvolverán no treito da estrada comprendido entre os puntos quilométricos 30+150 e 30+720, contarán cun investimento autonómico de máis de 48.500 euros. Con este orzamento executarase unha cuneta transitable. Para isto, realizarase primeiro a retirada de capa de terra vexetal e posteriormente a escavación, recheo e apisoado da gabia ata acadar a cota necesaria para executar o firme de formigón de cuneta transitable. 

Esta nova intervención en Laza enmárcase no programa da mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai executar este ano en 39 puntos en zonas paralelas das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de case 1,8 millóns de euros.

Na provincia de Ourense levaranse a cabo obras en cinco localidades, mentres que en A Coruña están programadas un total de 11 actuacións e en Lugo 23. O Goberno galego dá, así, continuidade ás 70 obras que realizou o pasado ano nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago, ás que destinou 1,4 millóns de euros. 

Te puede interesar