Monterrei

A Feira do Lázaro prolongarase do 27 ao 29 de marzo na vila de Verín

Todas as persoas que desexen participar no mercadiño terán que formalizar as súas candidaturas no Concello antes do día 4 de marzo

Unha das feiras máis importantes de Verín, o Lázaro, xa ten data de celebración. Será os días 27, 28 e 29 do vindeiro mes de marzo na praza da Mercé da vila. Neste senso, todas as persoas que desexen participar no mercadiño terán que formalizar as súas candidaturas no Concello de Verín antes do día 4 de marzo -tamén poden remitirse ao enderezo electrónico [email protected]

A feira de artesanía abrirá o venres, día 27, dende as 18,00  ata as 21,00 horas, e continuará durante toda a xornada do sábado e do domingo dende as 10,30 horas, ata as 14,00 horas -pola mañá-; e de 16,30 a 20,30 horas, -pola tarde- aínda que o domingo pechará media hora antes que o sábado. 

A asignación e localización dos stands serán responsabilidade da organización en función das candidaturas seleccionadas, tipo de expositores e dispoñibilidade de espazos.

Terán prioridade a participación comarcal, a antigüedade na participación no evento, así como a posesión do carné de artesán -por esa orde-. Unha vez recibidas as candidaturas en prazo serán valoradas e seleccionadas segundo o espazo dispoñible.

As candidaturas seleccionadas e aceptadas serán informadas pola organización para que, no prazo de cinco días hábiles,  o interesado poida realizar o pagamento da inscrición.

O montaxe e decoración do espazo interno terán que ser realizadas antes das 17,30 horas do venres día 27 de marzo, pouco antes do inicio do evento. A desmontaxe deberá ser acometida ao finalizar a feira, o mesmo domingo. Dende o Concello de Verín recordan que é "obrigatorio" o cumprimento dos horarios de inicio e peche das feiras, así como que acondicionamento e o envoltorio dos produtos deberán ser realizados en embalaxes adecuados.

Te puede interesar