O Festival de Curtas de Verín busca voluntarios

fic 05042023 Voluntarios
photo_camera Voluntarios atenden a asistentes ao festival o pasado ano.
Participar no FIC daralles a posibilidade de mergullarse na aprendizaxe de diferentes labores relacionados co audiovisual

A organización da VIII edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV xa comezou a traballar no deseño das diferentes accións que se impulsarán no marco do certame. Ademais de abrirse o prazo para a recepción de curtas, tamén se activa a busca de voluntarios

Carlos Montero, director do festival, vén de anunciar que xa está activo o proceso para atopar voluntarios de calquera idade que queiran "introducirse de cheo nas tripas dun certame cinematográfico que se foi consolidando, ao longo do tempo, como canteira para a proxección de talento local". 

Mostra diso é que dende a súa primeira edición o FIC xa contou coa participación de diferentes perfís, principalmente procedentes de Verín e comarca, pero tamén doutras zonas de España e mesmo do estranxeiro, interesados en mergullarse na experiencia de facer posible un festival destas características. "Perfís que axudaron a fortalecer e converter o festival no que é hoxe en día e moitos dos cales conforman na actualidade o cadro de persoal -remunerado- que fai posible a súa continuidade", anota Montero. 

Así, dende o FIC Vía XIV animan ás persoas que queiran formar parte do festival a inscribirse cumplimentando un formulario específico que se pode atopar na web do FIC. Os participantes terán a oportunidade de aprender a realizar tarefas de comunicación e xestión de redes sociais, fotografía, protocolo, realización ou produción audiovisual do evento, entre outras accións.

"Estamos seguros de que a experiencia será enriquecedora para todos eles, pois poderán entrar en contacto con directores, produtores, guionistas, realizadores e con outros profesionais ligados ao cinema, o que os axudará a que se xere unha rede de networking que pode resultarlles moi útil", conclúe o director do Festival de Curtas verinés. 

Te puede interesar