REPORTAJE

Gómez Pato, o afiador de palabras

Un dos maios de Enrique Gómez Pato en Verín; y representación da obra "Estrelina".
photo_camera Un dos maios de Enrique Gómez Pato en Verín; y representación da obra "Estrelina".
A aparición dunha persoa tan peculiar como a de Enrique Gómez Pato -o afiador de palabras- en Verín, a mediados dos anos 40 do século pasado é resultado dunha caprichosa conxunción de circunstancias.

De familia de afiadores, Enrique Gómez Pato veu ó mundo nun alto no camiño que os seu pais fixeron en México en 1922, pouco antes de que decidiran regresar á súa terra de orixe. Porque o sino da tribo de Ramuín é ir sen rumbo claramente definido e retornar sen data fixa. E así era desde o inicio dos tempos. Pero un extraordinario prodixio fixo que a roda da vida liberara a E.G. Pato das súas obrigas co  tótem do seu pobo. Arribou  a Verín. Quería probar de montar un pequeno negocio.  Buscou quen de amañar un local.  Petou na porta do carpinteiro. Inesperadamente apareceu a súa filla, Victoria, de ollos grandes, mirada serena, limpa e fermoso sorriso. Naquel máxico instante tamén se abriron os seus corazóns e o mozo Pato quedou cravado para sempre xamais nesta terra. O  inmenso amor que xurdiu naquel rechán, poderíamos pensar, rachou coa secular  tradición, errante e libertaria da súa estirpe.

Pero non foi así. Seguiu transitando, intrépido, por outros sendeiros, non menos arriscados e incertos que se lle presentaron de formas variadas. Por eles percorreu os corazóns  daquela sociedade abatida, medorenta e entristecida. O seu rumbo estivo marcado pola busca do alivio a partir da menciña do riso. E tomou a ruta da escrita, do conto, do artigo periodístico, da copla crítica de maio  á dramaturxia, do humorismo inxenioso, retranqueiro e redentor,  do poema, da defensa dos humildes, da recuperación das tradicións populares. Foi rei mago (negro),  analista económico, etnógrafo, historiador… e  filántropo, cunha especial preocupación polo Asilo de Anciáns a quen doaba as recaudacións dos seus bolos. Pero, ai¡, non era un intelectual. A única aprendizaxe regrada foi, como confesaba  sen rubor, o silabario nos Maristas de Ourense.

Si que era un gran lector, sobre todo seguidor de Taboada Chivite e posiblemente daquelas mentes privilexiadas da Xeración Nós  cos que compartiu  veciñanza cando era adolescente e residente na rúa de Santo Domingo pola que sempre sentiu un afecto especial.

As xeracións actuais das terras de Monterrei ignórano porque foise delas no silencio bibliográfico, no cicateiro esquecemento institucional. Perdura no corazón daqueles que xa imos superando a sexta década neste mundo. Del lembramos aqueles monólogos cómicos que interpretaba nos entreactos  dos cines e teatros, primeiro co nome artístico de “O Pato” e logo de “O Pato e os Patiños”, cando incorpora á farándula ós seus vástagos,  Lislé e Ran. Sempre arrincaban, tralas bambalinas, coas sonoras pisadas das súas zocas sobre as táboas de actos e espectáculos desta nosa provincia, que activaban  un exaltado griterío infantil e un ilusionado aplauso no resto do respetable, máis comedido. Porque a peña ía asistir a unha exhibición de ocurrencias, agudezas e inxeñosidades, que moitas veces ós mais pequenos escapábansenos pero que provocaban a gargallada satisfeita dos nosos maiores porque alí estábase ridiculizando as sinrazóns dos poderosos, as miserias cotiás, as inxustizas. Por uns minutos exorcisábanse os medos. Pato, que tiña os seus segredos e estratexias para evitar censuras e represalias, aseguraba que as súas actuacións estaban inspiradas no inxenio e na creatividade natural do labrego galego.  As esperadas coplas da Festa dos Maios, que el recuperou, as súas obras de teatro, os contos, os romances e moitos dos seus artigos, nos anos de colabourador  do xornal La Región, eran concibidos do mesmo xeito. Sen embargo cultivou unha imaxe docta  e prudente  nos  meses que levou a corresponsalía  en  La noche, de Santiago. En todo caso, gran parte da súa actividade centrouna en rigorosos traballos cos que trataba de divulgar a cultura desta terra e as súas particulares propostas económicas, para evitar  o que el consideraba como o maior problema: a emigración.

Descoñezo a razón pola que no ano 1966 abandoa case bruscamente  toda esa polifacética empresa.  Ata que en 1978 retoma a súa Hispano Olivetti Studio 46 para compoñer a súa derradeira copla de maio. Nela parece desconcertado polos cambios que trouxeron os tempos. É unha copla triste, amarga. Séntese vello. Lembrei un poema do seu irmán Serafín: Que afías, afiador/ na noite do pensamento?-na roda da miña vida/vou afiando segredos./Levo no peito un xardín/de caraveles bermellos/orballados polas bágoas/salgadas dos meus relembros./Mágoanme solpores tristes/busco menceres ledos/con risas de sol e chíos/de xílgaros e de melros. Despídese de todos. O ano seguinte morre. Hai hoxe exactamente 40 anos.

Te puede interesar